O material da campaña 'Contra as violencias', dispoñible o xoves
O Concello de Santiago distribúeo desde catro centros socioculturais de distintos puntos da cidade.
O Concello de Santiago fixo neste ano un chamamento aos veciños para que participen de forma activa na campaña 'En negro contra as violencias machistas'. Tal e como informa o goberno local, "trátase de que os veciños e veciñas se convertan en altofalantes da iniciativa colocando bandeiras, roupa ou calquera elemento de cor negra das súas xanelas ou balcóns".
Con ese fin, o Concello habilita a partir deste xoves catro centros na cidade para que a cidadanía poida recoller o material da campaña: os centros socioculturais de Fontiñas e do Ensanche, no Matadoiro e na Casa das Mulleres Xohana Torres.
MÁIS ALÓ DE SANTIAGO
A campaña traspasou os límites municipais na edición do ano pasado. Se no 2016 foron 17 os concellos adheridos a 'Compostela en negro', nesta terceira edición a cifra ascende a preto de 80. Tamén se quixeron sumar as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Este mércores terá lugar en Santiago a firma do protocolo de colaboración para a campaña, acto no que participarán practicamente todos os concellos asinantes.
Ademais, a campaña foi presentada a semana pasada ante o Parlamento Europeo, cara a onde viaxou unha delegación formada por medio cento de persoas de diferentes concellos galegos.
TRES DÍAS DE LOITO
Do 23 ao 26 de novembro é o período no que os establecementos, entidades sociais e vivendas compostelás se tinguirán de negro. En Compostela son ao redor de 500 os establecementos que participaron o ano pasado na campaña, mapa do que se parte este ano para sumar máis comercios, hoteis ou axentes sociais.
O goberno local tamén destaca "a implicación dos institutos da cidade, que este ano poñerán unha pancarta" e poderán usar unha unidade didáctica no marco do 25 de novembro. O día 21 haberá ademais dúas charlas sobre igualdade en dous institutos de Compostela a cargo do Comando Igualdade, un grupo de rapaces e rapazas feministas.
Escribe o teu comentario