Máis de 200 avoas e avós participan en talleres de axuda á concialiación familiar
Reciben recursos para abordar situacións do día a día no coidado dos netos, como o uso de redes sociais.
Reunión celebrada en Santiago. Foto: @cruzvermella
Máis de 200 avoas e avós participaron ao longo dos últimos de meses nos talleres que organiza a Xunta e Cruz Vermella para proporcionar ferramentas e información aos maiores no coidado de nenos.
O obxectivo desta iniciativa é proporcionar recursos aos maiores para abordar situacións do día a día no coidado dos seus netos, como o uso de redes sociais, técnicas de resolución de conflitos ou o abuso escolar.
Este mes de outubro están a funcionar en Galicia un total de 12 escolas nas que 106 avós e avoas reciben dez sesións dunha hora e media.
Este sábado en Santiago, segundo informa a Xunta, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, inaugurou a reunión de avós e avoas educadores, onde destacou o papel dos maiores na educación dos nenos.
"Esta responsabilidade pode converter o que debería ser unha relación pracenteira nun factor de tensión, polo que esta iniciativa quere servir de apoio e de utilidade tanto para os propios avós como para os pais, en termos de concialiación de vida persoal, familiar e laboral", sinalou o conselleiro.
Escribe o teu comentario