Ratificado o protoclo da asemblea do proceso Lingua Vital para reverter a emerxencia lingüística

A Praza da Quintana de Santiago acolleu este sábado a asemblea de Queremos Galego, que ratificou un plan con preto de 300 medidas concretas elaborado durante meses por decenas de entidades, mentres a Xunta segue sen dar sinais do prometido Pacto pola Lingua
 


|

Presentación de la asamblea 'Lingua Vital'. Librería Couceiro.
Presentación da asemblea 'Lingua Vital'. Librería Couceiro.



Unha mañá chuviosa no corazón de Santiago de Compostela serviu de escenario este sábado para un acto cargado de simbolismo. Centos de persoas concentráronse na Praza da Quintana para apoiar, de forma unánime, o Protocolo Lingua Vital, un documento que aspira a converterse na folla de ruta colectiva fronte á crise do idioma galego. Sindicatos, asociacións veciñais, entidades culturais, colectivos de persoas migrantes, organizacións empresariais e deportivas, entre moitos outros sectores, arrouparon a proposta impulsada pola plataforma Queremos Galego.


O protocolo é o resultado dun proceso que levaba meses en marcha. Nel participaron directamente 57 entidades sociais de todos os sectores, co respaldo de 396 colectivos adicionais. Máis dun cento de persoas activas nos ámbitos dos dereitos lingüísticos, a calidade da lingua, os servizos públicos, o ensino, a economía, os medios de comunicación, as novas tecnoloxías, a cultura e a acción exterior traballaron na súa elaboración, a partir de máis de 1.300 achegamentos recollidos en asembleas celebradas en todas as comarcas de Galicia.


A creadora de contido Sara Seco conduciu o acto, no que tomaron a palabra Celia Armas, Mónica Fernández Valencia e Xosé Henrique Costas, coordinadoras dos grupos de traballo que deron forma ao texto, xunto a David Minoves, presidente do Centre Internacional Escarré per les Minories Ètniques i Nacionals (CIEMEN), entidade promotora da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, un dos documentos de referencia nos que se apoia o protocolo. A nota musical púxérona Caamaño e Ameixeiras.

Un plan con 300 medidas
O protocolo recolle arredor de 300 medidas destinadas a reforzar o uso do galego nos distintos ámbitos da vida social. Coa ratificación deste sábado, o documento entra agora en fase de aplicación por parte das entidades e as institucións que se adheriron a el. Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, subliñou que os datos estatísticos evidencian o declive continuado do idioma, "como resultado da súa exclusión e da súa ausencia acelerada polo desprezo de quen ten o deber de a garantir sempre".


Maceira foi especialmente crítico coa xestión da Xunta de Galicia. Ao seu xuízo, a presión cidadá obrigou ao executivo galego a cambiar de aparencia e anunciar un novo plan de normalización lingüística antes de finalizar 2025, pero o que chegou foi, nas súas palabras, "o plan para reverter a oficialidade". Entre as medidas que enumerou: votacións no Parlamento contrarias ao uso do galego na xustiza, as notarías ou as xestorías; campañas en castelán en centros educativos; orzamentos que impiden executar os avances pactados hai máis de dúas décadas; ou a exclusión do galego da administración mediante leis como a de Intelixencia Artificial.


O voceiro tamén criticou o impulso á desaparición do galego nas relacións comerciais, os festivais con fondos públicos que reservan unha cota testemuñal ou nula á música en galego, e os cambios na TVG que, ao seu entender, permiten o abandono do idioma na súa función normalizadora, especialmente entre o público infantil e xuvenil. A Xunta de Galicia non respondeu ás preguntas dos medios sobre o contido do protocolo nin sobre as demandas dirixidas á administración pública.

O Pacto pola Lingua, no limbo
En outubro de 2024, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lanzou unha campaña baixo o lema "Saca a lingua que levas dentro", a primeira vez en 15 anos que a Xunta animaba publicamente á cidadanía a falar en galego. Naquela presentación, o conselleiro de Cultura, José López Campos, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, anunciaron a súa intención de alcanzar un pacto político pola lingua nun prazo de 15 meses


En marzo de 2026 non se sabe nada sobre as conclusións ás que se chegou durante ese proceso. Desde Queremos Galego denuncian que a Xunta incumpriu mesmo o primeiro compromiso de presentar o plan antes de acabar 2025. O colectivo reclama ao executivo galego "reverter o rumbo negativo" da lingua e asumir compromisos reais. O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, sinalou que a institución está á espera de coñecer os resultados do Pacto pola Lingua promovido pola Xunta antes de facer unha valoración global de todas as propostas sobre a mesa. 

Unha resposta social organizada
Queremos Galego confía en que esta convocatoria simbolice unha mobilización social renovada en defensa da lingua galega, vinte anos despois das grandes manifestacións que consolidaron o movemento. Maceira recordou o poder colectivo demostrado recentemente noutras causas, como a vitoria contra o proxecto Altri ou a recuperación do Pazo de Meirás, para concluír que "a lingua galega existe porque é a dun pobo que a defende, que a usa e a reivindica en todos os tempos e baixo todas as circunstancias".


Celia Armas, coordinadora de Queremos Galego, defendeu que, ante a inacción institucional, "as entidades sociais vense obrigadas a asumir o liderado". "Se a Xunta nos copia o protocolo enteiro, será o noso maior éxito", ironizou. Co respaldo unánime da asemblea, o Protocolo Lingua Vital pasa agora da fase de elaboración á de execución, co compromiso das entidades adheridas de aumentar a presión sobre os poderes públicos mediante accións propias e colectivamente definidas.


O acto deste sábado na Quintana supón, en calquera caso, un punto de inflexión no debate sobre o futuro do idioma galego. Os seus promotores aspiran a que a defensa do galego deixe de ser un asunto sectorial para converterse nunha prioridade colectiva asumida por toda Galicia. GaliciaPress

Tags: lingua galega, Queremos Galego, Lingua Vital
IDs de X: @queremosgalego @MarcosAMaceira @mesanormalizacion @CIEMEN @CaamanoeAmeixeiras

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE