Chega a Galicia axuda humanitaria e veterinaria tras a vaga de incendios

Cinco mozos madrileños viaxan a Ponte Caldelas cun camión e un catalán envía roupa a Nigrán.


|

Ayudahumanitariaincendios


Cinco mozos madrileños --de entre 24 e 28 anos-- viaxaron ata Ponte Caldelas cun camión cargado de axuda humanitaria e veterinaria tras os incendios que afectaron a este municipio.


Segundo informa o Concello nun comunicado, Belén Merino iniciou unha campaña para levar axuda a Galicia e acabou fretando un camión --cedido por unha empresa de transportes-- con 14 palés con roupa, comida, medicinas, material sanitario, así como diversos produtos para animais.


Para iso, comezou recadando material polo seu barrio e acabou conseguindo axuda por todo Madrid, especialmente de tendas de animais e persoal dun hospital. Así, conformou un grupo de voluntarios xunto a Dani Paunero, Álvaro de Almagro, Samuel García e Ana Belén Mirasierra.


O Concello de Ponte Caldelas clasifica agora o "inxente" material recadado, e convida os veciños que necesiten medicamentos ou alimentos tanto para eles como para os seus animais a que pregunten na Casa Consistorial. O excedente será doado a ONG e protectoras de animais.


Pola súa banda, diversas asociacións culturais, de veciños e de comunidades de montes de Ponte Caldelas crearon unha comisión organizadora de actividades solidarias en favor dos afectados polos incendios.


ROUPA PARA NIGRÁN


A Garda Civil do posto de Baiona-Nigrán recibiu axuda humanitaria dun residente en Cataluña cun lote de roupa para afectados polos incendios.


Nun comunicado, a Garda Civil explica que se recibiu o paquete por mensaxería cunha nota manuscrita na que o doante se identifica como un andaluz residente en Cataluña.


Neste escrito, explica que se dirixe á Benemérita para que canalice a entrega de roupa co fin de facela chegar a persoas afectadas na provincia de Pontevedra pola vaga de lumes.


A Garda Civil activou o protocolo neste tipo de actuacións e, tras agradecer ao remitente o seu xesto solidario, entregou a roupa á ONG Axuda ao Mundo Necesitado de Baiona.


relacionada Apagar incendios e recuperar os danos custa cada ano centos de millóns a Galicia
relacionada Vigo e Ponteareas habilitan teléfonos e correos para coordinar voluntarios
relacionada Traballadores de Emerxencias denuncian colapso do 112, poucos efectivos e "descoordinación"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE