A resposta dos herdeiros de Franco "non está nin se lle espera"
O Concello de Santiago está a ultimar a documentación para emprender a estratexia xudicial para a devolución das esculturas.
Esculturas de Abraham e Isaac.
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reiterou que se dará a coñecer "en breve" o camiño xudicial que tomará o concello para reclamar a devolución das estatuas do Mestre Mateo, tras finalizar o prazo dado á familia Franco para contestar o requirimento do goberno local.
A preguntas dos medios, Noriega sinalou que a resposta dos herdeiros de Franco "non está nin se lle espera", polo que o executivo local convocará nun breve período de tempo unha comparecencia pública para anunciar a "estratexia xurídica" que emprenderán para recuperar as estatuas do Pórtico da Gloria.
O rexedor sinalou que se estivo traballando estas semanas na citada estratexia, certificando a documentación atopada na Universidade de Santiago e coa colaboración de especialistas en Historia da arte caracterizando as pezas e facendo un recoñecemento baseado no expediente de Asorey atopado xunto á escritura.
Por iso, reiterou que están á espera de que todo este traballo "estea rematado" antes de interpoñer a citada acción xudicial para a devolución das pezas.
Escribe o teu comentario