Amnistía Internacional recolle firmas polos seus membros detidos en Turquía
Están acusados de terrorismo porque o Goberno considera "que os defensores dos dereitos humanos son perigosos".
Imaxe da recollida de firmas.
Amnistía Internacional mobilizouse este sábado en Ourense para apoiar os 11 defensores dos dereitos humanos e membros desta organización mundial detidos desde xuño en Turquía.
Entre os detidos, precisou Amnistía Internacional nun comunicado, atópanse Idil Eser e Taner Kiliç, directora e presidente de Amnistía Internacional Turquía.
"Desde entón permanecen encadeados polo Goberno turco sen poder defenderse e, ata hai unhas horas, sen coñecer os cargos que se lles imputan", denunciou a organización, para logo engadir que finalmente se coñeceron os cargos este sábado.
Así, acúsase a estas 11 persoas "cargos de terrorismo", polo que se poderían enfrontar, denunciou Amnistía Internacional, a "15 anos de prisión".
"Por suposto, o Goberno turco acusa a estes compañeiros de terrorismo sen probas fundadas e unicamente porque considera que as persoas defensoras dos dereitos humanos son perigosas", subliñou a organización.
Amnistía Internacional saíu á rúa este sábado 14 de outubro, coincidindo co aniversario de Idil Eser, no marco dunha campaña mundial denominada #Brave --valente-- para defender a quen loita a favor dos dereitos humanos.
Precisamente, o grupo de Amnistía Internacional en Ourense estivo na Rúa do Paseo este sábado ofrecendo información sobre este caso e recollendo firmas para presionar ao Goberno turco para que libere a estas persoas.
Escribe o teu comentario