Gas Natural Fenosa decide trasladar a sede social a Madrid, aínda que pensou en Galicia
A compañía enerxética convocou un consello de administración extraordinario, ante a incertidume xerada polo desafío independentista.
O consello de administración de Gas Natural Fenosa, reunido de forma extraordinaria á primeira hora desta tarde, acordou mover a súa sede social de Barcelona a Madrid.
Fontes coñecedoras informaron que a empresa barallou tamén Galicia como destino para recolocar o seu domicilio social.
A enerxética secunda así os movementos de entidades financeiras e empresas radicadas en Barcelona que decidiron trasladar as súas sedes fóra de Cataluña ante a incerteza xerada polo referendo ilegal e a posibilidade dunha declaración unilateral de independencia.
Antes da súa fusión con Gas Natural, Unión Fenosa tiña sede en Madrid. Esa é a razón pola que o consello de administración da compañía se decantou por esta cidade, onde dispón de dous grandes complexos, a antiga sede de Fenosa e outro con oficinas de Gas Natural.
O Consello de Ministros aprobou este venres un decreto lei de medidas urxentes para axilizar o cambio de sedes empresariais ante o desafío independentista en Cataluña.
Escribe o teu comentario