O bebé abandonado nun colector está coa súa familia de acollida
Recibiu a alta este luns, tras oito días ingresado na unidade de neonatos. Aínda non localizaron á nai.
O recén nacido atopado nun colector de lixo de Ourense recibiu este luns pola mañá a alta no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e xa se atopa ca familia de acollida.
O bebé estivo ingresado oito días na unidade de neonatos do CHUO ata confirmar que o seu estado era o óptimo.
O neno naceu prematuro, dunhas 37 semanas de xestación e cuns dous quilos de peso, o que puido supoñer riscos na súa saúde pola escasa maduración dos seus pulmóns, a falta de graxa que lle permita regular mellor a temperatura exterior e a falta de tempo para mellorar o funcionamento dos seus órganos internos.
NON LOCALIZARON Á NAI
Fontes da investigación confirmaron que "de momento non hai novidades" na investigación e que se segue coas liñas iniciadas a pasada semana.
Por unha banda estanse cotexando os datos das mulleres que saían de contas coincidindo coa idade do bebé para ver a súa situación actual e comprobar se algunha delas podería ser a nai.
As investigacións iniciáronse entre as mulleres da Ponte e de Ourense, pero xa se estenderon a outros puntos da provincia.
Tamén se están analizando as probas atopadas no colector, tras a análise dos restos na manta que envolvía ao neno e outra bolsa que contiña restos do parto.
Escribe o teu comentario