A viúva do batería de Los Piratas insiste en que "non era un maltratador"

Xustifica que o seu marido estaba "en pleno brote psicótico", pero que ela e o seu bebé estaban fóra da vivenda.


|

EntierropiratasImaxe de arquivo do enterro.


A viúva de Javier Fernández, ex batería do grupo musical Los Piratas, insistiu en que o seu marido "non era un maltratador nin nada que se lle pareza", e reiterou que a súa morte, a mans dun garda civil (que está a ser xulgado por homicidio imprudente) foi "evitable" e "innecesaria".


A través dun comunicado, Andrea Montes expresou o seu desexo de que "quede ben claro" que Javier Fernández "non era un maltratador" e que "nunca" a agrediu a ela nin ao bebé de ambos, que tiña dous meses cando o músico morreu. "Era unha persoa amable, moi cariñosa, xenerosa, entregada á súa familia, aos seus amigos, aos seus veciños, aos seus alumnos, sempre disposto a axudar", proclamou.


A viúva de Fernández fixo público este comunicado precisamente no momento en que se está celebrando o xuízo contra o garda civil que disparou ao ex batería. A familia do falecido responsabilízao de cometer un homicidio por imprudencia profesional grave, aínda que a Fiscalía non exerce a acusación, ao entender que o axente actuou en defensa propia e do seu compañeiro.


Os feitos remóntanse ao 26 de agosto de 2015, na vivenda que o músico compartía coa súa muller e o seu bebé na parroquia de Guláns, en Ponteareas. Ata alí acudiu unha dotación da Garda Civil "por un posible delito de violencia de xénero" e entrevistouse coa muller, quen referiu que Javier estaba "moi alterado", debido a problemas co tratamento dunha doenza psiquiátrica.


Cando os axentes entraron na casa, o músico reaccionou de forma hostil e ameazante e, segundo o garda agora procesado, viuse obrigado a disparar cando Javier fixo ademán de atacalos cun coitelo e un garfo. Aínda que o disparo ía dirixido á perna, sostivo, a falta de puntería e preparación fixo que acabase no tórax do músico, perforándolle a vea cava e causándolle a morte.


"EN PLENO BROTE PSICÓTICO"


No seu comunicado, Andrea Montes precisa que o seu marido "estaba en pleno brote psicótico" no momento dos feitos, debido a unha "nefasta" redución da medicación que tomaba para o seu trastorno bipolar. Así mesmo, insistiu en que pediu a unha veciña que chamase ao 112, e que ela mesma advertiu aos gardas civís de que o seu marido estaba agresivo debido a motivos médicos.


Segundo incidiu, o seu marido entregoulle o bebé a un amigo, non o mantivo retido. "Por tanto, ninguén nos salvou de nada nin a min nin ao meu fillo, xa que estabamos fóra da casa. O meu marido estaba só na casa cando se supón que o ían axudar", engadiu.


Finalmente, a viúva admitiu que "non hai nada que poida aliviar" o sufrimento pola perda de Javier, pero reclamou "que se recoñeza que esta morte era innecesaria e totalmente evitable". "Queremos que se asuman responsabilidades, que se faga xustiza e, sobre todo, que xamais volva ocorrer algo así", concluíu.


relacionada "Íanos matar a todos", alega o garda civil que disparou ao batería de Los Piratas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE