"Íanos matar a todos", alega o garda civil que disparou ao batería de Los Piratas

O axente sostivo que viu que o músico ía co garfo ao pescozo e co coitelo ao abdome do seu compañeiro.


|

PiratasponteareasVivenda do batería de Los Piratas.


O axente da Garda Civil que disparou e causoulle a morte a Javier Fernández, ex batería do grupo 'Los Piratas' no transcurso dunha intervención policial na súa casa en agosto de 2015 asegurou, na vista oral no xulgado, que non lle quedou "outra alternativa" máis que dispararlle porque a vida do seu compañeiro "corría grave perigo".


Co seu testemuño arrincou este venres a vista oral no Xulgado do penal número dous de Pontevedra. O axente limitouse a responder as preguntas do fiscal, do avogado da defensa e do xuíz.


Na súa declaración na sala explicou que a primeira persoa que lle dixo que Javier tiña unha alteración psiquiátrica foi a súa esposa ao chegar á casa. "A nosa intención primeira era tentar acougalo", asegurou. "Estaba totalmente alterado", agregou.


O garda explicou que o músico "dixo que era Deus, que nos ía matar a todos, íanos cortar en pedaciños". "Son Deus, non me creedes, non sabedes do que son capaz", lembrou o acusado que dixera o ex batería.


UN GARFO E UN COITELO


Continuou o seu relato explicando que os gardas estaban no soportal e el en casa, cando o seu compañeiro accedeu ao interior da vivenda mentres el quedaba na porta. Javier entrou na cociña e saíu cun garfo nunha man e un coitelo na outra, arrinconando o seu compañeiro, ao que propinou golpes.


O acusado sostivo que viu que o músico ía co garfo ao pecozo e co coitelo ao abdome, polo que apuntou "á perna". "Pero estaba coma tolo, moveuse e deille o desafortunado disparo", relatou.


"A vida do meu compañeiro corría grave perigo", engadiu. "Se corre perigo a vida dunha persoa, eu teño que actuar da maneira que actuei. Non me quedou outra alternativa", afirmou o garda acusado. "O único que pretendía era inmobilizalo. Non me quedou máis remedio que reducilo", indicou.


A MORTE ERA EVITABLE


Os tres avogados que exercen a acusación particular en representación da viúva, o irmán e os pais do músico piden catro anos de prisión e seis de inhabilitación para o axente, mentres que a Fiscalía e o avogado do Estado sosteñen que este desenfundou a súa arma regulamentaria para defenderse da actitude agresiva da vítima, ante o que foi considerado como un posible caso de violencia de xénero.


Momentos antes do inicio da vista oral, Manuel Novás, un dos avogados da familia, mostrou o seu convencemento de que van poder acreditar que "a morte se podía evitar". "A un enfermo psiquiátrico, nas condicións nas que se produciu a actuación da Garda Civil, nunca, e digo nunca, se podería finalizar co falecemento desta persoa", proclamou.


Este letrado tamén cuestionou "onde estaba a situación de risco para poder introducirse, para poder entrar nun domicilio?" e lembrou que a muller e o bebé estaban fóra de perigo. Na súa opinión, se a Garda Civil non tiña medios para poder actuar en relación a un enfermo mental, tiña que "pedir axuda". "Teñen que pedir instrucións aos seus superiores ou, loxicamente, mandamento xudicial ao xulgado. Pedírono: non", concluíu.


PROBAS CONTRA O AXENTE


Neste sentido, esta mañá, Gerardo Gayoso, outro dos avogados que exerce a acusación particular, considerou que as probas contra o axente "son moi contundentes" e afirmou que se puido evitar a morte do músico.


Finalmente, María Sarabia, a terceira avogada da familia, entrou na sala de vistas convencida de poder demostrar que a actuación dos axentes "foi claramente imprudente". "Unha imprudencia ademais grave, porque era un disparo innecesario", dixo e engadiu que "foi innecesaria e desproporcionada".


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE