Antidisturbios e axentes de paisano velarán pola seguridade do San Froilán
O concello de Lugo tamén ten previsto instalar obstáculos como bolardos nas zonas con máis aglomeracións.
Reforzo policial para as festas.
Unha vintena de axentes dos corpos da Policía Nacional e Autonómica patrullarán as rúas de Lugo durante as festas do San Froilán, que se celebran entre o 4 e o 12 de outubro.
Así o confirmou este xoves o secretario en Galicia da Unión Federal de Policía, Miguel González, quen sinalou que os axentes prestarán especial atención ao recinto feiral e o centro da cidade.
González realizou estas declaracións en referencia á reunión mantida o pasado mércores co comisario xefe de Lugo, Antonio Villamarín.
Deste xeito, segundo González, o Concello de Lugo será o encargado de instalar "obstáculos" en forma de "bolardos ou xardineiras" e, mesmo, algúns "móbiles" co obxectivo de evitar o acceso de vehículos aos lugares de maior concentración de persoas.
Así mesmo, efectivos a UIP (Unidade de Intervención Policial) da Coruña desprazaranse á capital lucense para reforzar o dispositivo policial, así como outra unidade de antidisturbios, adscrita á Policía Autonómica procedente de Santiago, que tamén actuará na primeira quincena de outubro en Lugo.
Por último, González, que abrazou a idea de instalar obstáculos para os vehículos nas zonas de maior afluencia de xente, calculou que ao redor dunha vintena de axentes, algúns deles non uniformados, operarán durante as festas patronais de Lugo.
Escribe o teu comentario