A petición para que se ilegalice a Fundación Franco supera as 200.000 firmas
A iniciativa suma 120.000 apoios de cidadáns desde hai pouco máis dun mes, coincidindo coa polémica por Meirás.
Busto do ditador que preside as escaleiras de Meirás.
Unha iniciativa realizada a través do portal Change.org que solicita a ilegalización da Fundación Francisco Franco pasou das 85.000 ás case 205.000 firmas en pouco máis dun mes.
Na petición arguméntase que a Fundación Nacional Francisco Franco é unha entidade que ten entre os seus obxectivos a "proxección do ideario" do ditador "sobre o futuro da vida española" e "enaltecer a figura de Franco", e "preservar o seu legado".
A iniciativa pide unha reforma da Lei de Memoria Histórica para que as organizacións que fan apoloxía da ditadura franquista e os seus crimes sexan declaradas ilegais en España. A petición arrincou en 2015, pero colleu forza tras a polémica en torno ao Pazo de Meirás.
Porén, as asociacións de xuíces cren que unha hipotética actuación para ilegalizar a Fundación Franco non tería garantido o éxito neste momento, pois a Lei de Memoria Histórica é insuficiente para actuar contra a fundación e en España "nunca se estableceu de maneira tallante que o réxime fose ilegal".
ESPOLIO DE MEIRÁS E VISITAS
A polémica volveu á actualidade porque a fundación franquista se fixo cargo este ano da xestión das visitas ao pazo situado en Sada. E é que a entidade declarou que aproveitaría as visitas para enxalzar a figura do ditador.
Ademais, a Fundación Nacional Francisco Franco leva varios comunicados a raíz do crecente rexeitamento social, nos que se rebela contra as peticións de ilegalización e presume de cumprir "unha función capital" a día de hoxe en España, na defensa "da media España vítima da Fronte Popular".
A nivel institucional, a Deputación da Coruña, o Concello de Sada e o herculino, entre outros municipios, así como iniciativas pola Memoria Histórica acordaron "sumar forzas para impedir a apoloxía do franquismo no Pazo de Meirás".
Unha iniciativa á que a Xunta se resiste a unirse. Núñez Feijóo, pola súa banda, insiste en que a única vía que contempla para recuperar o Pazo de Meirás é "acreditar vicios ocultos" que permitan "deixar sen efecto" a "doazón" fraudulenta do inmoble. Pero farao pola súa conta, cunha investigación con técnicos e expertos universitarios.
As visitas ao Pazo, que a Fundación anulara de forma unilateral no penúltimo desplante, renóvanse este venres, tal e como anuncia a entidade franquista na súa web.
Escribe o teu comentario