Case 500 alumnos de Lugo participan nun programa sobre o uso da enerxía
Gas Natural Fenosa arrinca o seu programa itinerante 'Fungastic', que promove o coñecemento e o uso responsable do gas natural.
Gas Natural Distribución, en colaboración coa Fundación Gas Natural Fenosa, inicia na cidade de Lugo o programa itinerante educativo Fungastic, onde participan este curso 475 alumnos lucenses. A iniciativa, tal e como sinala a empresa nun comunicado, posta en marcha o curso pasado, "promove o coñecemento, a cultura e a concienciación do uso e o consumo responsable do gas natural".
Neste curso escolar está previsto que participen 300 alumnos do CEIP Albeiros, e 175 alumnos de 4º, 5º e 6º do CEIP de Casás, nun total de 19 sesións.
Esta iniciativa, no que participarán máis de 36.000 alumnos de educación primaria e secundaria obrigatoria de toda España, consiste na realización de diversas actividades educativas, adaptadas ás diferentes etapas, que foron deseñadas para identificar o uso que se fai da enerxía, aprender a ser máis eficientes e "adquirir coñecementos sobre o importante recurso natural e enerxético que é o gas natural".
Estas actividades están elaboradas tendo en conta as novas metodoloxías educativas na aula, onde "a experimentación e a manipulación son o eixo central da actividade".
O nome do programa Fungastic "fai mención aos tres eixos principais da proposta: a diversión, o aprendizaxe da enerxía do gas e as novas tecnoloxías aplicadas á educación".
Despois do programa, os alumnos poderán demostrar os seus coñecementos sobre esta enerxía a través dun concurso de debuxo entre escolas e tamén desde Instagram.
Fungastic é un programa itinerante que percorrerá máis de 100 municipios españois durante catro cursos académicos e que ata xuño xa participaron máis de 4.000 alumnos de tres comunidades. Nesta edición chega aos colexios de Galicia, ademais de Castela e León, Catalunya, Comunidade Valenciana, A Rioxa e Navarra.
Escribe o teu comentario