Finaliza a rodaxe de 'La sombra de la ley', de Dani de la Torre con Luis Tosar
"Mostraremos unha época espléndida e como era este país hai un século", di o director.
Dani da Torre, con Luís Tosar. Foto: @vacafilms
O director Dani da Torre finalizou esta semana en Galicia a rodaxe da súa segunda película, 'La sombra de la ley', que conta coa presenza de actores como Luis Tosar, Michelle Jenner, Vicente Romeu, Ernesto Alterio, Paco Tous, Pep Tosar e Manolo Solo e que se estreará en agosto de 2018, segundo informa a produtora.
O filme, con guión de Patxi Amezcua, rodouse durante os dous últimos meses en máis de 80 localizacións de Barcelona e Galicia para presentar a España do ano 1921 onde os enfrontamentos rueiros entre matóns e anarquistas e os negocios ilegais están instalados na sociedade.
Neste escenario preséntase a historia de Aníbal Uriarte (Luis Tosar), un policía enviado a Barcelona para colaborar coa comisaría local na detención dos ladróns dun tren militar. Aníbal entrará en contacto cos fondos máis baixos da sociedade barcelonesa, onde coñecerá a Sara (Michelle Jenner), un encontro que terá consecuencias para ambos.
"Rodar unha película de gansters en España é algo que non se fixo antes", afirma Dani de la Torre. "Mostraremos unha época espléndida e como era este país hai un século. É unha película de aventuras e acción, pero tamén con corazón", engadiu o director.
Pola súa banda, Luis Tosar adianta que o seu personaxe "fala pouco e exprésase sen palabras". "A película fala ademais dun momento político e social en España que nos remite ao que ocorre agora. Son tempos convulsos. Hai moita diversión e moito caos tamén" engade o actor. "Todas as historias e todos os personaxes do filme ao final crúzanse... e as pezas encaixan" revelou Michelle Jenner.
Escribe o teu comentario