Case 100 curtametraxes de 40 países na X edición do FICBueu
O festival celébrase a fin de semana. Ademais das proxeccións, o programa complétase con multitude de actividades.
Imaxe do cartel do FICBueu. Foto: facebook
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu) proxectará esta fin de semana, días 9 e 10 de setembro, un total de 100 obras procedentes de 40 países, ademais de ofrecer coloquios, talleres, radio en directo, espectáculos, turismo e gastronomía.
O evento, que chega este ano á súa décima edición, foi presentado este mércores no Museo Massó de Bueu, nun acto no que participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o alcalde do municipio, Félix Juncal; así como o director do Festival, Manuel Pena, entre outros.
Na súa intervención, o director da Agadic referiuse á cantidade de actividades paralelas que este ano inclúe o festival e destacou as seis obras asinadas por creadores galegos ou con produción galega: 'Lembranza', da o Díaz; 'Néboa', de Claudia Costafreda; 'Querido Tom', de David Tembleque; 'As vacas de Winsconsin', de Sara Trabada; 'Decorado', de Alberto Vázquez; e 'Einstein-Rosen', de Olga Osorio.
Ademais, na sección oficial concorren 25 títulos, que compiten polos galardóns do festival. O resto das curtas atópanse nos apartados de Comedia, Animación, Familiar, España, Latinoamérica, Xuvenil, Infantil, Escolas ou Panorama, entre outras.
OUTRAS ACTIVIDADES
A parte da carteleira de proxeccións, o FICBueu ofrece distintas charlas, talleres, a emisión en directo dos programas de radio 'Carne Cruda' e 'El séptimo vicio', así como o espectáculo de maxia 'O cinematógrafo', entre outras actividades.
O programa complétase con outras actuacións para a dinamización do pobo, tales como a ruta gastronómica 'Tapas 5 Estrelas', un 'showcooking' patrocinado por Galicia Calidade, ou un paseo ata a Illa de Ons a bordo dunha embarcación tradicional.
A inauguración do festival será este sábado, día 9, no Centro Social do Mar, espazo que acollerá a exhibición da maior parte da carteleira. O acto contará coa actuación do trío de jazz A doce vita, que ofrecerá un concerto con repertorio de bandas sonoras.
Tamén se proxectará 'Noticiario Folk nº1', peza de Ramón Barreiro datada en 1932, recentemente recuperada e restaurada, e que foi cedida polo Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) ao festival para a ocasión.
Escribe o teu comentario