O PSOE propón abordar canto antes a "modernización" do Estado autonómico
Os socialistas piden unha comisión parlamentaria. Pedro Sánchez cre que "hai vimbias" para que a iniciativa saia adiante.
Reunión da Executiva Federal do PSOE.
Pedro Sánchez anunciou este luns que o seu partido pedirá o vindeiro xoves no Congreso a creación dunha comisión parlamentaria para o "diálogo, avaliación e modernización" do modelo territorial e do Estado autonómico español.
En rolda de prensa despois da Executiva federal, Sánchez detallou que a súa intención é falar hoxe mesmo ou, como moi tarde, este martes, co presidente do Goberno para explicarlle persoalmente a iniciativa. A partir do xoves falará cos líderes das demais forzas políticas, incluídos os independentistas cataláns.
O líder socialista mostrouse convencido de que "hai vimbias" para que a súa proposta saia adiante, posto que nos últimos tempos foron varios os grupos políticos que presentaron iniciativas de reforma do Estado autonómico, de maneira que todos están "na mesma onda".
Nese sentido, defendeu que agora non é momento de "poñer nomes e apelidos" ás propostas concretas de cada partido, senón de abrir un "diálogo construtivo". Ao seu modo de ver, crear ese espazo supoñerá lanzar "a mensaxe máis poderosa dos últimos anos, a determinación de reconstruír a unión entre todos os pobos de España".
Escribe o teu comentario