O centro de acollida de Pontevedra atende 50 casos de malos tratos animais ao ano
O 15% dos cans recollidos na instalación da Deputación presenta lesións e enfermidades por "malos tratos severos".
O centro de acollida e protección animal (CAAN) da Deputación de Pontevedra atende unha media anual de 50 cans procedentes de situacións de malos tratos, segundo informou a deputada Eva Vilaverde durante a presentación da campaña 'Devólvelle a confianza', unha iniciativa de sensibilización sobre a rehabilitación de animais maltratados.
Respecto diso, Vilaverde apuntou que "o propio abandono supón xa de seu malos tratos", e sinalou que "un 15% dos cans recolleitos no CAAN presentaban lesións ou enfermidades graves no momento da súa entrada provocadas por neglixencias e accidentes, pero tamén por situacións obvias de malos tratos severos".
A deputada delegada deste centro estivo acompañada na presentación polo xefe de servizo de Asistencia Intermunicipal, Gabriel Rodríguez, polo xefe do Servizo Veterinario, José Luis Pedreira, e por Ramón Pérez, un veciño de Vilanova de Arousa que acaba de adoptar a Otto, un dos cachorros maltratados recollidos en Soutomaior.
"A Deputación non podía quedar impasible ante os casos tan graves de malos tratos animais que se detectaron nestes últimos tempos", asegurou a deputada.
INTERVENCIÓNS
Durante o ano 2016, o CAAN realizou un total de 1.550 intervencións. Destas, 315 cans foron devoltos ao seu propietario no lugar do aviso; 214 foron recollidos polo propietario no centro, e 969 entraron no centro.
En canto ás cifras de adopcións, durante o pasado ano foron adoptados 445 cans, o que supuxo un gran aumento con respecto ao ano 2015, no que foran adoptados 320. Na actualidade case 600 animais permanecen nas instalacións do CAAN.
Escribe o teu comentario