O futuro Museo da Emigración galega contará con obxectos de Fidel Castro

O centro, que abrirá as súas portas en 2019 no Pazo de Vilamarín, acollerá exposicións e encontros internacionais.


|

Fidelcastro 2



Máis de 5.000 obxectos chegados desde coleccións oficiais e doazóns particulares de todo o mundo, e mesmo a presenza de obxectos persoais de personaxes históricos como Fidel Castro, formarán parte da colección do futuro Museo da Emigración galega, que ten previsto abrir as súas portas no ano 2019 no Pazo de Vilamarín.


Maletas de cartón, billetes de barco nos que se poden ler as datas de partida e chegada, bandeiras de centros da diáspora, cartas e mesmo unha colección privada de máis de 2.000 postais escritas por tres xeracións de emigrantes ao longo de 100 anos, serán algúns dos obxectos cos que se convidará aos visitantes a "poñerse na pel" dos emigrantes.


O director do proxecto museístico e asesor de Emigración da Deputación de Ourense, Manoel Carrete, confirmou que na actualidade están a escollerse as pezas que formarán parte da colección permanente, aínda que tamén están previstas exposicións temporais: "Queremos un museo en movemento", asegurou.


EE.UU E ALEMAÑA, AS REFERENCIAS


Os modelos que se manexaron para a posta en marcha do Museo da Emigración de Galicia son o Museo de Ellis Island (Nova York), que recolle todos os datos de 12 millóns de inmigrantes chegados a Estados Unidos entre 1852 e 1954, e o Museo da Emigración alemá en Hamburgo.


Con todo, o responsable do proxecto insiste en que Galicia ofrecerá "un museo diferente" máis centrado en explicar o fenómeno migratorio e en dar voz aos seus protagonistas, e que aspira a converterse nun centro de referencia para estudosos de todo o mundo.


O seu apartado expositivo ofrecerá un percorrido por fotografías antigas, documentos orixinais ou libros de actas das entidades galegas. A mostra terá un marcado "carácter didáctico", aínda que fará uso das novas tecnoloxías e de proxeccións para ofrecer un aspecto máis atractivo aos visitantes.


"Non queremos ser só un almacén de obxectos. Buscamos un espazo vivo no que todo o que o desexe poida achegar documentos ou cousas que gardan nas súas casas e que para nós supoñen un tesouro que nos axuda a dar voz á diáspora", sinalou o responsable do proxecto.


OS EMIGRANTES TERÁN VOZ PROPIA


O Museo da Emigración Galega será pioneiro na aposta por dar un maior espazo aos protagonistas do fenómeno migratorio. Por primeira vez un centro destas características ofrecerá aos seus visitantes testemuños orais dos galegos que emigraron a Europa, Asia, América e Oceanía.


Na actualidade está a realizarse un cuestionario a emigrantes para coñecer os motivos que os levaron a emigrar, como foron recibidos, o traballo que realizaron e como viron a evolución de Galicia desde os seus países de acollida.


"É un traballo que temos que realizar con présa, debido ao envellecemento das persoas que protagonizaron as grandes ondas migratorias desde Galicia durante o século XX", abundou Carrete.


AS XOIAS DA COROA


Entre os máis de 5.000 obxectos catalogados ata o momento, destacan o documento orixinal da fundación da primeira confraría de naturais de Galicia en España, a Confraría de Oriúndos do Reino de Galicia en Madrid (1740) ou libros manuscritos de personaxes destacados da diáspora como Tiberio Ávila, político republicano galego e profesor de pintura de Pablo Picasso.


O director do proxecto tamén confirmou que se iniciaron conversacións con familiares de emigrantes galegos e descendentes que se converteron en personaxes históricos nos seus países de acollida, para solicitarlles a doazón de material.


Destaca a boa acollida obtida durante as negociacións mantidas coa contorna de Raúl Castro (que tamén podería doar algún obxecto persoal) para conseguir roupa ou algunha pertenza de Fidel Castro; así como no caso do ex presidente uruguaio Tabaré Vázquez (2005-2010).


O centro tamén se deterá na historia de emigrantes galegos que tiveron unha especial significación para Galicia, como o músico Pascual Veiga, autor na Habana do himno de Galicia; ou do emigrante de orixe lucense José Maria Cao Cervo, considerado o pai da ilustración moderna en Arxentina.


Desde a Deputación de Ourense confirmouse que parte do material do futuro museo procede de centros galegos que afrontan con dificultades a crise económica ou a falta de substitución xeracional e que ofreceron obxectos ou documentación ao museo, coa intención de evitar que se perdan se desaparece a entidade e para que sirva como material de estudo do fenómeno migratorio.


relacionada A comedia 'Get Back', sobre galegos emigrados en Londres, aterra en Santiago
relacionada 8.000 euros para os galegos emigrados que volvan e se fagan autónomos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE