O BNG ponse como deberes "avanzar" nun novo Estatuto este curso político

"Temos claro que estamos ante unha fin de ciclo, que o actual marco está superado e esgotado", expresou Ana Pontón.


|

AnapontonbngsedeNovo Estatuto e concerto económico.


O BNG propoñerá ao resto dos grupos do Parlamento galego a creación dun relatorio que permita "avanzar" o "poder político" que o Estatuto de Autonomía dá a Galicia ao considerar que o marco "actual" creado por esta norma e a Constitución "está superado e esgotado".


Nunha rolda de prensa ofrecida tras a reunión da Executiva Nacional, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, explicou que esta será unha das prioridades da súa formación no próximo curso político, no que tamén "fará fronte á ofensiva" de "roubo de dereitos" aos cidadáns por parte do PP e insistirá na necesidade dun concerto económico para Galicia.


Na súa comparecencia ante os medios, a líder dos nacionalistas galegos cualificou de "urxente" a "necesidade" de iniciar este debate para que "os galegos poidan ter unha maior capacidade política" que lles permita ter "instrumentos" para poñer en marcha "un proxecto de país fronte ao modelo da precariedade, de roubo de dereitos e da corrupción que representa o actual réxime".


Para iso, propoñerá ao resto dos grupos da Cámara a activación deste relatorio que "permita superar o marco actual creado polo Estatuto e a Constitución". "Que nos permita, en definitiva, un novo horizonte que nos dote de poder político real, que nos recoñeza como unha nación con capacidade de decisión", sinalou.


DEBATE SOCIAL


Ademais, asegurou que os nacionalistas non só levarán este debate ao Lexislativo galego. Así, traballará con "diferentes organizacións sociais" na posta en marcha dunha "proposta política concreta".


"Temos claro que estamos ante unha fin de ciclo, que o actual marco está superado e esgotado, que necesitamos abrir un horizonte que nos dea capacidade para ter autonomía, unha fiscalidade xusta, poder defender os nosos dereitos ante o roubo constante", sinalou Pontón, que considerou que "o principal problema que ten Galicia é a dependencia e o centralismo español".


Na súa comparecencia ante os medios, Ana Pontón destacou que outra das prioridades do Bloque será "facerlle fronte" á "ofensiva" de "roubo de dereitos" aos cidadáns que, segundo denunciou, leva a cabo o Partido Popular.


Así, criticou que os populares aproveitasen en mes de agosto para "seguir camiñando" nesta liña e "roubar dereitos" no ámbito sanitario e no educativo, en referencia á modificación da lei de saúde de Galicia que prevé levar a cabo o Goberno galego así como á renovación dos concertos aos colexios que segregan por sexos.


Por último, sinalou que o BNG seguirá defendendo a necesidade dun concerto económico para Galicia ante un presidente da Xunta que "no debate sobre o modelo de financiamento o único que vai provocar é que o país saia de novo perdendo".

relacionada Multitudinaria manifestación do BNG para superar un Estatuto 'anémico'
relacionada O Parlamento homenaxea os redactores do anteproxecto do Estatuto
relacionada Galicia pode ter "a mesma calidade de vida que Dinamarca ou Finlandia"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE