Dous ciclistas atropelados e dúas persoas falecidas en accidentes de tráfico
As estradas galegas rexistraron 64 sinistros esta fin de semana, que deixaron 86 persoas feridas.
Un ciclista resultou ferido este domingo pola tarde na Coruña tras ser arroiado por un autobús. En concreto, o suceso ocorreu na rúa de Primo de Rivera.
Foi unha persoa particular a que deu conta dos feitos ao 112 Galicia ás 18:00 horas deste domingo, segundo informou o propio 112.
Tamén este domingo pola mañá outro ciclista resultaba ferido ao ser atropelado por un vehículo en Baiona. En concreto, o sinistro tivo lugar no marco dunha carreira ciclista, nas proximidades da meta de chegada.
MÁIS DE 60 ACCIDENTES
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 86 persoas debido a 64 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas, das que dúas faleceron.
Segundo informa o 061, a Central de Coordinación recibiu entre as tres da tarde do venres e a medianoite do domingo 69 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. O día que rexistrou máis incidentes foi o domingo, con 28.
As ambulancias medicalizadas acudiron a cinco sinistros; as asistenciais realizaron 69 saídas; e as convencionais, dúas; mentres que os médicos de Atención Primarias prestaron asistencia en dez accidentes.
En 75 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en nove ocasións recibiron atención no lugar do sinistro e dúas persoas faleceron no punto do accidente.
Pontevedra foi a provincia que rexistrou máis accidentes, con 27 sinistros, durante os desprazamentos da fin de semana; seguida da Coruña, con 21; e Lugo e Ourense, con oito en cada caso.
Escribe o teu comentario