Pablo Insua, de poder pelexar o regreso a Primeira do Dépor a tentar non descender co Real Zaragoza
O de Arzúa, insistente rumor no verán do club branquiazul, vive unha situación dramática na capital de Aragón.
Que diferente sería hoxe a vida de Pablo Insua se no verán, onde tanto se especulou co seu regreso a casa, cristalizase a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña. Por entón Antonio Hidalgo reclamaba un central para completar a zaga e o experimentado canteirán antollábase como unha realidade para os branquiazuis, pois non tiña sitio nun Granada que lle ensinou a porta de saída. No canto de volver a Galicia, volveu a Aragón, onde fixera carreira nun Huesca que ascendeu dúas veces, pero esta vez no eterno rival, o Real Zaragoza, equipo que pena en última posición e que hoxe parece condenado a un descenso traumático.
O PESADELO DO DESCENSO
Non era a historia que esperaba Insua cando elixiu Zaragoza e non A Coruña. O central chegaba á capital maña co propósito de apontoar a retagarda dun equipo histórico e que, con todo, leva anos sumido nunha depresión de resultados e de proxectos. Con Gabi parecía que ían construír algo máis que interesante, pero pronto se viu que aos blanquillos failles falta unha reestruturación total para remontar o voo.
Hoxe, despois de 28 xornadas, só conseguiron sumar 24 puntos e son últimos da táboa, a oito puntos dunha salvación que hoxe ocupan Real Valladolid e Selecta, outros históricos en horas baixas. Pero nada tan baixo como a escuadra zaragocista, nómades lonxe da Romareda esta tempada e cun pé en Primeira RFEF.
Suporía unha caída aos infernos similar á que viviu o Deportivo en 2020, pero máis grave aínda se temos en conta que a última vez que o Zaragoza estivo por baixo de Segunda foi na tempada 1948/49, cando aínda existía Terceira en lugar da tamén extinta Segunda B.
INDISCUTIBLE
Insua foi até agora insubstituíble no Zaragoza, onde, salvo unha suplencia ante o Ceuta ao pouco de chegar á cidade, só estivo ausente por acumulación de cartóns ou pola expulsión ante o Andorra pola que se perdeu o choque contra o Burgos da pasada xornada.
Os mañicos estrean adestrador tras a destitución de Sellés e o galego podería volver ao eixo da zaga este venres contra o Cádiz noutro duelo decisivo: se non acompañan os resultados esta xornada, a salvación pode ir por encima das tres vitorias de distancia, unha marxe demasiada grande para o faroliño vermello, que este ano só conseguiu nunha ocasión encadear catro xornadas sen perder. A súa última vitoria nestes momentos data do 10 de xaneiro, case dous meses sen celebrar un só triunfo.
O de Arzúa, do mesmo xeito que Dani Tasende, de Coristanco, pelexa por evitar que os leóns caian ao pozo, unha situación inédita para o central desde o seu debut co Dépor fai xa máis dunha década nunha carreira chea de ascensos a Primeira División, pero tamén sufrindo a cara amarga do fútbol coas lesións e algunha que outra vez que se viu relegado a unha categoría inferior nos seus anos no Alto Aragón. Agora enfróntase ao reto máis grande da súa carreira, xusto cando a Deportivo pugna por chegar a Primeira. O ceo e o inferno chocan na traxectoria de Insua.
Escribe o teu comentario