Igualdade e accesibilidade como eixos do desenvolvemento sustentable de Santiago
A Xunta de Goberno da capital aproba proxectos nestes dous ámbitos para a súa inclusión na EDUSI.
Martiño Noriega, nunha rolda de prensa.
A Xunta de Goberno do Concello de Santiago de Compostela aprobou un programa de sensibilización social e igualdade entre homes e mulleres, e un plan de accesibilidade universal, que serán remitidos ao Ministerio de Facenda, para que se inclúan na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable Integrado de Santiago.
A documentación das dúas novas propostas seralle remitida á Autoridade de Xestión do Programa Operativo de Crecemento Sustentable do Ministerio de Facenda, que comprobará que cumpren os requisitos para que sexan financiados con cargo ao plan EDUSI.
PROGRAMA DE IGUALDADE
Segundo informou o goberno local compostelán, o programa de sensibilización social e de igualdade entre mulleres e homes engloba accións que pretenden contribuír á erradicación das desigualdades de xénero e facer de Santiago un municipio inclusivo.
Prevense actuacións vinculadas á prevención da violencia de xénero, á campaña Territorio das Mulleres e á actividade da Casa das Mulleres, cun orzamento previsto de 175.000 euros para o período 2017-2019.
PLAN DE ACCESIBILIDADE
En canto ao Plan de Accesibilidade Universal, terá como obxectivo mellorar a calidade ambiental e de vida do conxunto da poboación que reside ou que visita a cidade.
O documento será a ferramenta para que os proxectos de obra se integren nesa estratexia, á vez que permitirá difundir e poñer en valor as actuacións relacionadas coa accesibilidade.
O orzamento contemplado para a redacción do Plan é de 50.000 euros, dos que 40.000 serían achegados polos fondos europeos, e 10.000 euros polo Concello.
Escribe o teu comentario