Galicia reforza a súa seguridade en "zonas sensibles" tras os atentados

|

Policianacionalarma


O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, avanzou que "se van intensificar os controis de seguridade" na Comunidade, sobre todo nos accesos a cidades e en lugares de gran concentración de persoas, tras os atentados en Cataluña.


"Entre todos imos traballar para que estes bárbaros non poidan cambiar os nosos sistema de vida, e entre todos unidos imos conseguir superar isto", subliñou Villanueva en declaracións aos xornalistas tras gardar un minuto de silencio ante a Delegación do Goberno, con sede na Coruña, en "solidariedade coas vítimas, as familias e o pobo catalán".


"Non se baixou a garda", dixo o delegado de Goberno, que lembrou que xa van máis de 700 detidos desde 2011, moitos deles no territorio catalán. Con todo, dixo, o "risco cero non existe", e anuncia que se intensificarán os controis de seguridade en Galicia.


MÁIS VIXILANCIA


Intensificaranse, así, os controis pola Policía Nacional, a Garda Civil e policías locais en vías de comunicación, accesos a cidades, en definitiva, en lugares onde se concentre moita xente porque "os obxectivos son indiscriminados", desde unha rúa a unha praia, puxo como exemplo.


De feito, este domingo, dixo, reforzaranse as medidas de control de seguridade no partido entre o Deportivo e o Real Madrid, na Coruña.


Preguntado por se hai algún galego entre os falecidos, Villanueva dixo que se sabe que "hai de varias nacionalidades" xa que o atentado se produciu nun lugar moi turístico, polo que chama a esperar a que se realicen as análises para identificar as vítimas.


"ZONAS SENSIBLES"


O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, enviou unha "mensaxe de tranquilidade" e explicou que na cidade se reforzou a seguridade en "zonas sensibles".


Tras participar na concentración de cinco minutos de silencio na Praza do Obradoiro de condena dos atentados, á que se sumaron centos de persoas, Martiño Noriega remarcou que o que "toca é mandar unha mensaxe de tranquilidade", engadindo que "os embaixadores do medo non poden vencer" e que o que lle corresponde aos responsables públicos é "confiar nas forzas de seguridade e seguir mantendo a vida do día a día e o latexo dunha cidade que é Patrimonio da Humanidade, lugar de encontro, da diversidade, e de moitas culturas que chegan aquí todos os días".


Preguntado pola seguridade dunha cidade turística coma Santiago, Martiño Noriega, de Compostela Aberta, explicou que xa mantivo unha conversa telefónica coa Delegación do Goberno a través do Subdelegado e, este mesmo venres, unha reunión coas forzas de seguridade, tanto da Policía Nacional como da Policía Local.


Puntualizou que o nivel de alerta se mantén no catro, pero engadiu que se determinou que en Santiago de Compostela haxa "un reforzo de presenza policial en lugares sensibles, tanto da Policía Nacional como da Policía Local", e matizando que, a maiores, "está a facerse o traballo que vén facendo sistematicamente nos últimos veráns e nas épocas de repunte turístico".

relacionada Elévanse a 14 as vítimas mortais dos atentados en Cataluña
relacionada Os Mossos sinalan a un menor como autor do atropelo na Rambla

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress