Portugal legaliza a xestación subrogada con regras estritas
O país veciño non permite que a muller gestante reciba diñeiro por iso e autorízao só en situacións moi contadas.
As mulleres xestantes non poderán recibir diñeiro por iso.
Entrou en vigor este martes en Portugal a lei que legaliza a xestación subrogada, unha norma que pon condicións e límites a esta práctica que recentemente se vén debatendo en España.
Portugal estableceu, iso si, unha serie de condicións para permitila. Primeiro, unha autoridade nacional deberá autorizar cada caso, e farao en situacións excepcionais, en situacións clínicas que o xustifiquen.
En segundo lugar, a muller xestante non pode recibir ningún pago por iso. Con este argumento rexeitan que se lle chame "ventres de aluguer" e evitar así que sexa unha situación á que recorran mulleres por dificultades económicas.
Ademais, a súa relación co neno debe circunscribirse "ao mínimo indispensable, polos potenciais riscos psicolóxicos e afectivos que esa relación comporta", sinala o decreto.
No proceso teñen que constar declaracións psicolóxicas favorables e do director do centro médico onde as técnicas necesarias para a realización da xestación van ter lugar.
Escribe o teu comentario