Caballero: "Voulle dicir a Feijóo que é indigno de estar nesta cidade"
O alcalde esíxelle ao presidente da Xunta unha rectificación por estar "a supeditar o tren de Vigo a Santiago", en referencia ao futuro AVE.
Caballero e Feijóo, nunha reunión. Foto: Xunta
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, manifestou que o presidente da Xunta "perdeu o sentido común de forma inenarrable" ao estar "a supeditar o tren de Vigo a Santiago", ante o que lle esixiu "que rectifique" sobre este "insulto gravísimo" á cidade olívica.
"É patético, dramático, sería unha razón para que tivese que dimitir como presidente", remarcou o rexedor, que acusou a Feijóo de estar "a tomarlle o pelo" a Vigo ao dicir que a intención é que o AVE de Madrid á cidade olívica non teña que parar en Santiago se non viaxa ninguén que vaia á capital.
"Nun tren de 400 persoas, os 400 teñen que vir a Vigo? E se nun tren viaxan 399 persoas que veñen a Vigo e un en Santiago, o tren para en Santiago? Dinos que temos que encher o tren para que veña a Vigo. Que cre que é Vigo?", cuestionou, apuntando que o "antiviguismo" de Feijóo chega "a niveis indescritibles".
"Señor Feijóo, vostede cre que somos parvos nesta cidade. Mire, sería mellor que os que veñen a Santiago baixasen ata Vigo e collesen un tren a Santiago", sinalou o mandatario olívico, que ironizou con que "menos mal que non dixo que se levaba un da Coruña subiamos á Coruña e despois baixabamos a Santiago, porque é o que lle faltou".
Neste marco, Caballero esixiulle "que rectifique, porque lle --van-- facer rectificar", posto que o tren de alta velocidade desde Vigo "é a esixencia desta cidade" e "téñeno que facer de forma inmediata". "Señor Feijóo, no primeiro acto oficial en que esteamos xuntos voulle dicir que é indigno de estar nesta cidade", rematou.
SEN GARANTÍAS
No relativo ao ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, recriminoulle que aínda que teña "a atención posta" no AVE a Vigo, non dese durante a súa visita deste luns "ningunha garantía"; e esixiulle novamente "que acelere a declaración de impacto ambiental".
"Confío en que o faga, porque a miña advertencia de mobilizacións segue en pé", dixo en referencia ao anuncio que fixo este luns de que iniciará accións a partir de setembro, o que volveu advertir que supoñerá ao PP un "inmenso custo político".
Escribe o teu comentario