A Coruña e Vigo concentran o 85% das reclamacións por cláusulas chan
Os xulgados de Lugo, cunha unidade de reforzo, foron os primeiros en ditar unha sentenza polas demandas recibidas.
Hai unha unidade de reforzo en cada provincia.
Os xulgados da Coruña e Vigo concentran o 85% das 1.600 demandas presentadas ata o momento nas unidades especiais creadas en Galicia para atender as demandas contra as entidades financeiras polas cláusulas chan, segundo informou este sábado o TSXG.
Así, das catro unidades xudiciais de reforzo creadas en Galicia, as da Coruña e Vigo recibiron 741 e 615 demandas, respectivamente, polas 258 que suman entre as de Ourense (210) e Lugo (48).
Precisamente esta última, a da capital lucense, foi a primeira en ditar unha sentenza en relación ás demandas recibidas desde a entrada en vigor do plan de reforzo a comezos do pasado mes de xuño.
No caso de cidade olívica, a metade das demandas foron xa tramitadas e as primeiras audiencias previas están sinaladas para o 4 de setembro.
Na Coruña, que conta cun xuíz e tres funcionarios de reforzo, está previsto que o 25 de setembro se celebre a primeira audiencia previa, mentres que, ese mesmo día, terá lugar o primeiro xuízo en Lugo.
AUDIENCIAS PREVIAS
Segundo sinala o Superior no seu comunicado, nestas vistas fíxase o obxecto de litixio, as partes propoñen probas e o xuíz admite as que considera procedentes par resolver o preito exposto.
No caso de que as partes propoñan só a proba documental, o asunto quedaría xa visto para sentenza e, en caso contrario, é necesaria a celebración dun xuízo.
Escribe o teu comentario