As cifras dos hoteis galegos despuntan neste inicio do verán
Conseguen aumentar o número de pernoitas con respecto a xuño do ano pasado, ademais de subir o prezo.
Máis clientes e a un prezo un pouco máis alto.
Os hoteis galegos rexistraron 859.230 pernoitas o pasado mes de xuño, o que supón un incremento do 7,8% respecto ao mesmo período do ano anterior, segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística.
En canto aos viaxeiros, Galicia recibiu durante o sexto mes do ano un total de 460.539, cunha estancia media que se sitúa en 1,87 días xornadas (algo superior aos 1,73 días de 2016, pero a metade que a media española, que son 3,5 noites).
Os prezos nos hoteis galegos experimentaron un aumento do 2,7% e a tarifa media diaria alcanzou os 55,7 euros, un 4,8% máis (fronte aos 87,5 euros da media española). Pola súa banda, os ingresos por habitación dispoñible alcanzaron os 25,5 euros, o que representa unha subida do 10,3%.
En canto ao conxunto estatal, os hoteis españois rexistraron 36,5 millóns de pernoitas o pasado mes de xuño, o que supón un 6,2% máis que no mesmo mes de 2016, segundo os datos difundidos este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Escribe o teu comentario