Feijóo escuda en "problemas terriroriais" a negativa de Madrid ao traspaso da AP-9
O presidente asegura que non renunciará, pero que "este é o peor momento para falar de transferencias".
Autoestrada AP-9.
O presidente da Xunta deu a entender este mércores que "problemas estruturais e territoriais" do Estado español poderían "condicionar" o traspaso a Galicia da Autoestrada do Atlántico (AP-9), pero advertiu que "non" o aceptará e seguirá demandando a transferencia, unha loita para a que pediu a "unidade" dos grupos galegos.
Nun escenario no que o foco da política estatal está posto sobre o desafío soberanista de Cataluña, Feijóo garantiu aos seus rivais políticos, que cuestionaron sucesivamente na Cámara o seu peso político en Madrid, que poden "contar" co PPdeG, co seu Goberno e con el mesmo para reivindicar o traspaso, á vez que subliñou que "nunca" cambiou de postura.
"Se queren falar en serio da transferencia conten connosco, pero se queren só facer ruído, alá vostedes. Eu estou moi satisfeito e tranquilo coa miña postura, que é honesta", reflexionou, antes de remarcar que este é "o peor momento para falar de transferencias" en España.
"Que non é o mellor momento para pedir transferencias, que hai moitas autoestradas do Estado cuxa transferencia pide a Generalitat de Cataluña, que é o peor momento para falar de transferencias... Aceptando todo isto non podo aceptar que a transferencia dunha autoestrada vital para Galicia estea condicionada a problemas estruturais e territoriais do Estado español", proclamou.
Escribe o teu comentario