Ao cumprir 65 anos, os galegos recibirán a vacina contra a pneumonía
O novo calendario de vacinación para adultos xeneraliza esta vacina que espera reducir uns 2.600 casos en cinco anos.
Entra no calendario de vacinación para adultos.
A Xunta estableceu un novo calendario de vacinación para adultos no que se inclúe a vacina pnemocócica 'conxugada' para aquelas persoas que cumpran 65 anos --ata agora só era aconsellada para este colectivo--, ademais da que xa se oferta aos maiores desa idade e os grupos de risco.
Con esta ampliación na oferta de vacinas gratuítas preténdese complementar a vacinación que viña realizando sistematicamente desde o ano 2000 nos maiores de 65 anos, segundo sinalou a Xunta nun comunicado.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, apuntou este martes, en rolda de prensa, que Galicia "é unha das primeiras comunidades autónomas en regular mediante calendario a vacinación da poboación adulta".
Doutra banda, a Xunta advertiu que non é necesario acudir a vacinarse os primeiros días "xa que se dispoñerá de todo o ano para facelo". A cita pódese pedir nos centros de saúde co mecanismo habitual.
A iniciativa ten como obxectivo chegar ao 60 por cento da poboación maior de 65 anos, o que se traduce en case 20.000 persoas desa idade. A estimación da redución de casos de pneumonía prevese así en ata 2.600, nun prazo de cinco anos.
Escribe o teu comentario