Galicia perdeu 9.495 habitantes en 2016, o sexto ano consecutivo de sangría demográfica

Nestes seis anos Galicia quedou sen case 63.000 habitantes, mentres a media de España segue crecendo | Ourense rexistra o maior retroceso e perde de 3.015 habitantes.


|

Despoblacionrural


A poboación en Galicia a data do 1 de xaneiro de 2017 situouse en 2.710.607 habitantes, despois de perder 9.495 residentes ao longo de 2016, segundo as cifras de poboación que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE).


De acordo con estas cifras, a Comunidade galega pasou de ter 2.720.102 habitantes ao 1 de xaneiro de 2016 a 2.710.607 na mesma data de 2017, o que supón un descenso do 0,35%.


Este é o sexto ano consecutivo de descenso de poboación --en 2010 houbo repunte--, aínda que esta baixada de 9.495 é menos acusada que os máis de 14.000 residentes que se perderon en 2015. Nestes seis anos Galicia quedou sen 62.808 habitantes.


O descenso de poboación ao longo de 2016 en Galicia contrasta co aumento producido de media en España de 88.867 persoas (+0,19%). O número de habitantes decreceu durante 2016 en Castela e León, Galicia, Castela-A Mancha, Estremadura, Principado de Asturias, Aragón, Cantabria e A Rioxa. E aumentou no resto de comunidades autónomas.


Todas as provincias galegas perden habitantes en 2016. A maior diminución produciuse en Ourense, tanto en cantidade como porcentualmente, cun retroceso de 3.015 habitantes (-0,96%) ata 311.648.


En Lugo a perda foi de 2.562 persoas ata 333.574 (-0,76%). O descenso na Coruña foi de 2.326 persoas (-0,2%) ata 1.121.788. E en Pontevedra baixa en 1.593 persoas (-0,17%) a 943.596.


Así, en Galicia hai 1.400.923 mulleres e 1.309.684 homes. Do total, 665.831 teñen 65 ou máis anos (son o 24,6%), e entre eles hai 41.792 persoas de 90 ou máis anos.


MIGRACIÓNS


Pola súa banda, o saldo vexetativo en Galicia foi negativo en 2016, con 12.683 defuncións máis que nacementos. Con todo, rexistra un saldo migratorio positivo co estranxeiro en 4.772 persoas, o que supón un crecemento exponencial en comparación coas 41 que arroxaba este capítulo en 2015.


Isto supón que 13.159 persoas procedentes do estranxeiro estableceron a súa residencia en Galicia en 2016, fronte a as 8.386 que emigraron a outros países.


En contraposición, o saldo de migracións entre Galicia e outras comunidades españolas é negativo, cunha perda de 1.585 persoas en 2016. Isto tradúcese en que da Comunidade galega marcharon a outros puntos de España 14.035 persoas, mentres que doutras autonomía chegaron a terras galegas 12.451 residentes.


O fluxo interautonómico de Galicia é negativo por cuarto ano consecutivo --desde 2013--, aínda que a perda en 2016 de 1.585 persoas é menor que a de 1.892 que se rexistrou en 2015.

relacionada Galicia, á cabeza da sangría demográfica en España

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE