O director do Museo de Pontevedra confirma o roubo dun cadro de Villafínez
Os feitos saen á luz case dous anos despois, revelados polo presidente de Asociación de Amigos do Museo.
Un cadro do autor Lino Martínez Villafínez foi subtraído do Museo de Pontevedra hai case dous anos. A peza atopábase exposta na colección do Sexto Edificio.
A desaparición, revelada polo presidente da Asociación Amigos do Museo, Ernesto Vázquez-Rey, a través das redes sociais, foi confirmada este mércores polo propio director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle.
En concreto, Valle desvelou que o roubo se rexistrou en agosto de 2015, asegurando que se presentou denuncia "inmediatamente detectada esa desaparición". A continuación formulouse o pertinente parte ante a compañía de seguros que se fai cargo da póliza que asegura todo o contido do Museo.
Os investigadores da Policía rastrexaron as instalacións e revisaron todas as gravacións do circuíto interno de vixilancia sen obter resultados, dado que o cadro se atopaba nun "ángulo morto" para a visión das cámaras.
Tamén quixo rexeitar as críticas por falta de transparencia ante este caso, dado que a desaparición "non se ocultou". "Fíxose exactamente o que se ten que facer nestes casos", insistiu Carlos Valle, que presentou denuncia persoalmente ante as autoridades. "Non é unha circunstancia como para enviar unha nota de prensa", insistiu.
Este mércores o actual responsable político do Museo, o deputado de Cultura, Xosé Leal, defendeu que esta institución é "seria e rigorosa" no seu labor científico e administrativo polo que rexeitou as acusacións de escurantismo e as teorías de "política ficción", advertindo de que tentar manchar a imaxe do Museo con esas afirmacións desacredita a esa xente".
"Paréceme ata vergoñento, aquí séguense as canles que hai que seguir por lei", afirmou.
Escribe o teu comentario