Concerto multitudinario para reclamar o AVE directo Vigo-Madrid
Caballero denuncia que o goberno quere converter a cidade nunha "sucursal ferroviaria" da Coruña e Santiago.
Máis de 2.000 persoas déronse cita este mércores na Porta do Sol de Vigo para asistir ao concerto da Coral Casablanca organizado polo goberno municipal para esixir o AVE directo Vigo-madrid por Cerdedo.
A actuación da coral estivo precedida por un breve discurso do alcalde, Abel Caballero, quen criticou que o actual Goberno do PP ten paralizado o AVE a Vigo e pretende que a viaxe a Madrid se faga por Santiago. "Vigo converteríase nunha sucursal ferroviaria da Coruña e Santiago", denunciou.
"Vigo non paga traidores. Nin de dentro nin de fóra. Quere e reclama o que é de xustiza", proclamou o rexedor olívico, quen asegurou que a cidade "non vai parar" ata que consiga esa conexión ferroviaria.
No concerto da Coral Casablanca, ademais do goberno municipal practicamente ao completo, estaba a portavoz do Grupo Popular, Elena Muñoz, e algúns dos seus concelleiros, así como representantes dos sindicatos, a patronal pontevedresa e colectivos sociais, culturais ou cívicos.
"A ÚNICA CIDADE SEN AVE"
Por outra banda, en declaracións aos medios na mañá deste mércores, o alcalde lamentou que este proxecto "tiña que facerse hai 15 anos", en 2002, cando os gobernos do PP "deixaron Vigo fóra dos trazados da alta velocidade". "Agora que o volven a tentar si que levantamos a voz", proclamou, e insistiu en que a cidade "non quere ser a única de España que quede sen AVE".
"Non hai escusas", mantivo Caballero, quen lembrou que o AVE Vigo-Madrid está pendente da declaración de impacto ambiental da variante de Cerdedo, un trámite administrativo "que non ten custo económico" e que leva un atraso de catro anos.
Escribe o teu comentario