O maior provedor de produtos agrícolas chinés interésase por coñecer Galicia
Nava Castro reuniuse con representantes de turismo para estreitar lazos para a celebración do Ano de Turismo Galicia-Europa.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este luns o compromiso do maior provedor de produtos agrícolas chinés, o Grupo COFCO, de visitar proximamente Galicia para coñecer de primeira man a calidade do sector agroalimentario galego, no que destacan ámbitos como o vitivinícola, o cárnico, o conserveiro, o lácteo ou o da cervexa.
Así o explicou tras manter unha reunión en Pequín co director de COFCO para Europa, que se comprometeu a visitar Galicia durante o ano 2017.
Feijóo incidiu en que, nesta viaxe á Comunidade, este grupo visitará as instalacións das empresas galegas e comprobará as condicións hixiénico-sanitarias, os compromisos de trazabilidade, de orixe e de manipulación. "Queremos, en definitiva, que coñezan os nosos produtos", subliñou.
O presidente da Xunta destacou que COFCO é unha das empresas agrícolas máis importantes de China, con presenza en máis de 140 países, e que diversificou a súa actividade en sectores como o inmobiliario, o transporte, o hostaleiro ou a distribución.
En canto ao encontro, considerouno como "unha oportunidade para que as empresas do sector primario e da transformación alimentaria" de Galicia "poidan consolidar a súa posición internacional e abrir novos mercados".
PRIMEIRA XORNADA
O titular da Xunta iniciou a súa primeira xornada da viaxe institucional a China con varias reunións encamiñadas a explorar novas opcións de negocio neste país para as empresas agroalimentarias galegas.
Ademais da reunión co grupo COFCO, Feijóo visitou as instalacións do Grupo JD.com; a maior plataforma de venda online de China, que ten máis de 169 millóns de clientes ao día e que ofrece alimentos procedentes de máis de 30 países.
Durante unha reunión con representantes do Grupo JD.com, a delegación galega e a empresa avaliaron a posibilidade de incluír nesta plataforma produtos galegos.
PERSPECTIVAS ECONÓMICAS
O responsable do Executivo autonómico comezou a xornada cunha reunión na Oficina Comercial de España, á que asistiron tamén as empresas que compoñen a delegación galega nesta viaxe.
Nela, Feijóo expuxo as vantaxes competitivas de Galicia en sectores como o agroalimentario, o téxtil ou o aeronáutico, incidindo na "máxima calidade" dos produtos galegos, entre os que puxo de relevancia a carne, o peixe, o viño, a cervexa, o aceite e o leite.
A xornada concluirá cunha reunión coa Cámara de Comercio para a Importación e Exportación de Maquinaria e Produtos Electrónicos, que conta con máis de 10.000 asociados.
"O obxectivo da reunión será atraer á Cámara de Comercio para que invista en Galicia ou abra novas vías de negocio para as compañías galegas destes sectores", dixo Feijóo, que apostilou que a colaboración con esta entidade permitirá ás empresas galegas atopar provedores sólidos e solventes en China, colaborar con empresas e institucións do país e obter axuda para resolver problemas comerciais.
ANO DE TURISMO GALICIA-EUROPA
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse este luns con representantes da Administración Nacional de Turismo (CNTA) deste país para estreitar lazos no ámbito turístico para a celebración do Ano de Turismo Galicia-Europa, que terá lugar en 2018.
Así, Castro mantivo un encontro co director xeral e o director adxunto de Márketing e Cooperación Internacional da CNTA, Liu Shijun e Feng Litao, para presentar gran parte do potencial turístico de Galicia para os visitantes chineses, profundando en cuestións como os recursos naturais galegos, a gastronomía, o Camiño de Santiago ou experiencias turísticas singulares como a Ruta da Camelia.
A reunión serviu para obter, da man destes representantes da administración turística da China, unha visión do turismo emisor deste país cara a Galicia coa idea de mellorar a súa experiencia turística na Comunidade.
A axenda de Turismo de Galicia en China incluíu este luns un encontro coa presidenta da Asociación de Galegos en China, Ana M. González.
Escribe o teu comentario