Feijóo, rumbo á China para promover Galicia como "destino seguro para investir"
A viaxe virará ao redor de tres eixos: abrir oportunidades de negocio, captar investimentos e ofrecer Galicia como destino turístico.
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, iniciou este domingo a súa viaxe institucional en China, o primeiro dun presidente galego no país asiático, onde promoverá Galicia como "un lugar seguro para investir".
A xira por diferentes puntos de China do líder do Executivo autonómico terá como principais obxectivos "abrir oportunidades de negocio e captar investimentos" para a comunidade, con especial foco no sector agroalimentario, así como "tender pontes a nivel institucional" e ofrecer Galicia como destino turístico.
Durante a súa visita, que durará ata o vindeiro venres, Feijóo estará acompañado no país asiático polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e diferentes representantes diplomáticos, segundo informou o Executivo autonómico.
Ao longo destes cinco días, a delegación galega ofrecerá Galicia como "un lugar seguro para investir, cunha enorme seguridade xurídica e unha evidente estabilidade política", segundo as palabras do propio Feijóo.
SECTOR AGROALIMENTARIO E INDUSTRIA
Así mesmo, expresou que o sector agroalimentario representa "un oco" polo que a economía galega pode acceder ao mercado chinés, xa que este país "necesita importar" este tipo de produtos, nos que Galicia "é excelente".
"Galicia ten máis do 40% do total de leite que se produce en España, é o primeiro produtor de conservas de peixe e marisco e unha das maiores comunidades autónomas desde o punto de vista produción agroalimentaria", remarcou.
Por iso, un dos obxectivos da visita será "dar a coñecer as empresas galegas ás grandes plataformas de compra por Internet" do xigante asiático, así como que as compañías de importacións chinesas tamén poidan establecer relacións co sector produtivo galego.
Ademais, Feijóo expresou que a delegación da Xunta manterá "contactos con empresas chinesas" para "analizar" posibles investimentos destas compañías en territorio galego, con especial atención aos sectores de "a siderurxia e a automoción".
Escribe o teu comentario