Galicia logra representación na rede europea de linguas minoritarias
Trátase dun organismo que ten como obxectivo sensibilizar sobre a importancia da diversidade lingüística, e actuar como foro de intercambio de boas prácticas.
Gregorio Ferreiro Fente, asesor docente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acaba de resultar elixido vicepresidente da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (Network to Promote Linguistic Diversity, NPLD), logo da votación que tivo lugar na asemblea xeral deste organismo este domingo.
Deste xeito, Galicia alcanza representación no equipo directivo do devandito organismo, que presidirá Sietske Poepejes, conselleira de Cultura e de Política Lingüística do goberno da Rexión de Frisia (Países Baixos), segundo indicou a Xunta nun comunicado.
A Rede de Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD) é unha rede a escala europea que ten como principal obxectivo sensibilizar sobre a importancia da diversidade lingüística, e actuar como foro de intercambio de boas prácticas entre gobernos.
Escribe o teu comentario