Preocupación polo futuro da Fundación Barrié tras a caída do Popular
Desde a institución, que ten investimentos como a rehabilitación do Pórtico da Gloria, manteñen silencio.
A compra do Banco Popular por parte do Santander suscitou incerteza e preocupación polo futuro dos postos de traballo nesta autonomía, pero tamén polo da Fundación Barrié e os seus investimentos.
Así o trasladaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e desde o Concello da Coruña. Ambas as administracións manifestaron que estarán "vixiantes" ante o que suceda a partir de agora cos postos de traballo, pero tamén coa Fundación Barrié.
Ata agora, a actividade desta institución estendeuse aos ámbitos educativos e cultural, ademais de investimentos como a rehabilitación do Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago.
Desde a Fundación Barrié, preferiron, polo momento, manter silencio e non facer ningún tipo de valoración sobre a situación da entidade, que perde o seu investimento no Banco Popular coa súa venda ao Santander por un euro.
50 ANOS DE HISTORIA
A actividade da Fundación non se resentiu coa adquisición do Banco Pastor polo Popular a pesar de que a entidade financeira galega mantivo só a súa marca na comunidade autónoma, deixando de existir oficialmente tras máis de 200 anos de historia.
Con todo, a crise do Banco Popular afectou o patrimonio da Fundación Barrié, unha das máis antigas de España. Creada en 1966 por Pedro Barrié de la Maza, a institución centrou os seus esforzos en impulsar o desenvolvemento cultural e económico de Galicia.
Desde o falecemento de Carmela Arias e Díaz de Rábago -viúva de Barrié de la Maza-, asumiu a presidencia desta institución, José María Arias Mosquera, que ata a compra por parte do Banco Popular foi tamén presidente do Pastor.
A institución, que era propietaria de máis do 40% do Banco Pastor, chegou a ter un capital de máis do 7% no Popular, pero ese patrimonio quedou por baixo do 2% tras a última ampliación de capital.
INVESTIMENTOS
Agora existe temor de que unha fundación galega "dedicada á mellora das condicións económicas e sociais" de Galicia, segundo recolle na súa web, desapareza e, con ela, as súas actividades, entre elas a concesión de bolsas de formación no estranxeiro.
Así, en 2015 a Fundación destinou 1,5 millóns a Acción Social; un millón ao ámbito da Ciencia; 2,5 millóns a Educación e 3,6 millóns a Patrimonio e Cultura. O total de patrimonio neto e pasivo ascendía ese ano a 311 millóns fronte aos 372,5 millóns de 2014, de acordo co informe das súas contas anuais recollidos na súa web.
Escribe o teu comentario