Tensión, pero sen disturbios nunha nova protesta en Santiago polo desaloxo

Unhas 400 persoas volveron percorrer a capital galega en defensa do centro social okupado e anuncian outra manifestación o sábado.


|

Maniescarniomaldicer


Unhas 400 persoas participaron este mércores en Santiago nunha nova manifestación que percorreu as rúas da capital galega un día despois do polémico desaloxo dun local okupado como centro social e dunha concentración posterior marcada polos disturbios, que se saldou con varias cargas policiais e axentes feridos.


Este mércores, ao redor das 21,00 horas, arrincou a protesta, encabezada por unha pancarta co lema 'O sistema, a Policía e La Rosaleda nom vam poder com nós. Apoia os centros sociais, apoia o Escarnio e Maldizer'.


E é que, precisamente, a construtora compostelá La Rosaleda está ligada á propiedade do inmoble desaloxado na pasada xornada.


No medio dunha significativa vixilancia policial e cunha ducia de furgóns pechando a marcha, os manifestantes saíron da Praza de Galicia e avanzou por Virxe da Cerca cara aos barrios composteláns de San Pedro e Concheiros.


En Rodríguez de Viguri está, precisamente, a sede da construtora La Rosaleda, que vixiaban axentes policiais.


MOMENTOS DE TENSIÓN


Na zona da estación de autobuses houbo algún momento de tensión, pero non foi a máis e, aínda que houbo proclamas contra a actuación policial, os manifestantes continuaron o seu percorrido de forma pacífica. "As nosas mans, as nosas armas", proclamaban os manifestantes.


Con todo, púidose ver como algúns tiraban unhas pedras sen chegar a romper un escaparate, aínda que foron increpados polos seus propios compañeiros de protesta.


Así, tras avanzar por San Caetano e Pastoriza, os manifestantes pasaron á zona vella percorrendo San Roque e a Algalia ata acabar en Cervantes, onde unha portavoz agradeceu as mostras de apoio recibidas tras os altercados da pasada xornada.


A mesma portavoz destacou que a importante participación na protesta deste mércores evidencia o apoio ao traballo e ás actividades realizadas no local desaloxado nos últimos anos.


NOVA PROTESTA O SÁBADO


Tamén avanzaron que este sábado se convocará unha nova manifestación da que informarán a través das redes sociais.


No percorrido, os manifestantes entoaron varios cánticos e proclamas como "A loita é o único camiño!" ou "Eu tamén son de Escarnio e Maldizer", ademais de reivindicar o papel dos centros sociais e reprobar a actuación policial.

relacionada A Policía, tras os disturbios en Santiago: "Xa viñan con ganas de festa"
relacionada Un detido e cargas policiais nunha protesta polo peche dun local okupa en Santiago

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE