Axentes da Brigada de Estranxeiría da Policía Nacional acaban de proceder á expulsión de España do cidadán alemán que tentou matar en 2009 a Sara Casasnovas cunha ballesta. A súa expulsión do territorio nacional, despois do seu paso por prisión, pon fin ao pesadelo da actriz galega.
Os axentes recolleron onte na prisión madrileña de Estremera a Arndt Meyer, onde cumpriu os seus anos de condena polo intento de asasinato da actriz. Trasladárono ao aeroporto de Barajas e, tras o voo, foi entregado á Policía alemá.
En xullo de 2010, a Audiencia Provincial de Madrid condenou ao alemán a oito anos de prisión por disparar cunha ballesta á actriz á saída do teatro Reina Vitoria de Madrid, o 7 de xuño de 2009.
Os maxistrados impuxéronlle seis anos e tres meses de prisión por un delito de homicidio en grao de tentativa e a un ano e nove meses de cárcere por outro de tenencia ilícita de armas, ambos coa circunstancia atenuante de trastorno da personalidade.
No xuízo, o agresor dirixiuse a Casasnovas para dicirlle con voz chorosa: "Eu ámote, nunca che faría dano" e para explicarlle que non era certo que a agarrase polo pescozo.
Escribe o teu comentario