Caballero acusa á Xunta de "rebentar" a súa candidatura de Cíes e pídelle retirar a proposta
Feijóo defende que Cíes sexa o buque insignia da candidatura das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade, dado que pode "fortalecela" e mellorar as súas posibilidades de éxito.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este luns á Xunta de Galicia que retire a súa candidatura para promover o recoñecemento do Parque Nacional Illas Atlánticas como Patrimonio Ambiental da Humanidade, e instoulle a que some ao proxecto impulsado polo Concello olívico baixo o lema 'Cíes Patrimonio da Humanidade'.
En declaracións aos medios, o rexedor volveu denunciar o "escándalo" da candidatura da Xunta, presentada "nunha reunión clandestina", na que "catro mediocres personaxes da política" deron unha rolda de prensa (en alusión aos conselleiros de Cultura e Medio Ambiente, e a dúas directoras xerais do goberno galego).
"O que ten que facer a Xunta é retirar a súa proposta, pedir desculpas por aquel ridículo e sumarse á nosa", insistiu Caballero, quen subliñou que "segue adiante" a candidatura promovida polo Concello de Vigo, "o primeiro e máis grande de Galicia".
Segundo Caballero, "a cidade está indignada" pola intención do goberno galego de "rebentar" a iniciativa de 'Cíes Patrimonio da Humanidade', e precisou que a posición do PP de Vigo "é de risa", tras defender a iniciativa da Xunta hai unha semana e pedir a súa retirada cinco días máis tarde. "O do PP de Vigo xa é de risa (...), a cidade pasoulles por encima e obrigoulles a dar marcha atrás", apostilou o alcalde.
O rexedor explicou que, a finais de xuño, tramitarase a candidatura viguesa ante a Xunta, e logo pasará ao Ministerio de Cultura, que terá que decidir a súa inclusión na chamada lista indicativa de propostas. A partir de aí, "iniciarase o diálogo directo" coa UNESCO, segundo Caballero, quen mostrou o seu convencemento de que Cíes será declarada Patrimonio da Humanidade "en tempo récord".
CÍES, O BUQUE INSIGNIA
Pola súa banda o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, consideraba esta mañá "razoable" que o nome das Illas Cíes estea presente de forma explícita nesta candidatura conxunta, dado que o seu "valor" e recoñecemento poderían "fortalecela".
Fronte ás críticas vertidas desde a Alcaldía de Vigo, que reclamou a declaración de Patrimonio da Humanidade para a candidatura das Illas Cíes en solitario, o PP vigués propuxo a declaración conxunta de Illas Cíes Parque Nacional das Illas Atlánticas, de modo que o nome do arquipélago fose explícito na proposta da Xunta ante a Unesco.
Sobre esta cuestión, o presidente galego eloxiou a proposta do PP vigués como "intelixente", "razoable" e "construtiva" e admitiu que "ben merece ser estudada e valorada" por parte do Goberno galego.
Así, Núñez Feijóo admitiu que as Illas Cíes son "a parte máis coñecida e máis importante" do parque das Illas Altánticas, polo que "poñer en valor" o seu nome na candidatura conxunta podería "fortalecela "ante a Unesco e mellorar as súas posibilidades de "éxito".
"Todo o que sexa conseguir esa candidatura cunha resolución feliz, merece a pena ser atendida", dixo o presidente galego, que ratificou que a Consellería de Cultura xa está "a atender esta proposta" para que a galega sexa "unha candidatura gañadora".
Escribe o teu comentario