Rafael Cuíña irá a unha cuestión de confianza para aprobar o orzamento
A oposición de Lalín rexeitou as contas este mércores. O vindeiro luns celebrarase o pleno.
O goberno de Lalín xogará a carta da cuestión de confianza para aprobar os orzamentos de 2017. O alcalde confirmou a convocatoria de moción de confianza, despois de que os orzamentos fosen rexeitados con 11 votos a favor fronte aos 10 que suman os cinco do seu propio grupo (Compromiso por Lalín), tres do PSOE, un do BNG e a edila da Agrupación de Electores e Electoras Plataforma Aberta Cidadá (Apac).
O propio Cuíña deu por feito, en declaracións aos medios difundidas pola Corporación local, que o seu goberno tamén perderá esta moción de confianza ligada á aprobación dos orzamentos porque se reproducirán as posturas do último pleno.
"Faremos ese paripé lamentable conscientes de que o imos perder", incidiu o rexedor, quen reprobou, do mesmo xeito que o resto de membros do seu goberno, os "argumentos" dados polos concelleiros do PP e polo edil "tránsfuga".
"Non leron os orzamentos", coinciden.
QUE RENUNCIEN Á MOCIÓN DE CENSURA
Nesta conxuntura, Cuíña trasladou a súa "preocupación" por que as contas "se atrasen máis" e pediu aos populares que "renuncien expresamente" a presentar a moción de censura, antes de incidir en que "a perderían", tendo en conta que a lei antitransfuguismo "impide" que Cruz, o edil que deixou o goberno, poida votar.
Así se pronunciou tamén o portavoz socialista, Nicolás González, quen instou aos populares a non facer "perder" máis tempo e a actuar con "responsabilidade" cos veciños. "Aquí non hai ninguén que teña o compromiso de manter este goberno porque a lei non lle permite votar para cambialo", apostilou Francisco Vilariño (BNG).
Todos os portavoces do goberno lamentaron que quen votou en contra "nin sequera lese os orzamentos". "Tampouco os populares, porque o tránsfuga paréceme xa dunha ignorancia supina", incidiu Lara Rodríguez (Apac), quen tachou de "espectáculo lamentable" o ocorrido no pleno.
Escribe o teu comentario