Feijóo: "Vou ser o garante da lei e do emprego en Ferroatlántica"
Pontón (BNG) pediu que o "imputado" Villar Mir "non faga caixa cos recursos naturais" galegos e Villares deu conta da publicación no Rexistro Mercantil do anuncio de segregación.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, erixiuse este mércores en "garante" do cumprimento da lei e do mantemento do emprego en Ferroatlántica e, neste sentido, asegurou que non se deixará "presionar por ninguén". "Os traballadores teñen a miña palabra de que non teño máis compromiso que con eles", proclamou.
Díxoo durante a sesión de control na Cámara, despois de que tanto a portavoz do BNG, Ana Pontón, como o de En Marea, Luís Villares, sacasen a relucir a solicitude do grupo Villar Mir para segregar as centrais hidroeléctricas do río Xallas das plantas de ferroaleación.
Este "pelotazo" que pretende "o imputado Villar Mir" taxouno a nacionalista en 255 millóns de euros antes de esixir a Feijóo que non o permita, tanto polas consecuencias que terá no emprego como pola "dignidade" desta terra. "Galicia non está para que un imputado faga caixa cos seus recursos naturais", salientou.
Do mesmo xeito, deixou claro que "Galicia non está para pagar os favores do seu partido", o PP, en referencia ás supostas doazóns recollidas nos papeis de Bárcenas. Neste punto, advertiu ao mandatario de que se é "cómplice" do "espolio", Ferroatlántica pode converterse "na súa Canle de Isabel II".
Pola súa banda, Villares deu conta de que o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil xa publica o anuncio de Ferroatlántica sobre a segregación das actividades de produción de ferroaleacións e electricidade. "Dá por feito que obterá de vostedes o que buscan, porque xa o pagou", sentenciou, en alusión a "os 700.000 euros" de "financiamento ilegal do PP".
MOMENTO TENSO
Por esta acusación do portavoz de En Marea produciuse un momento bronco no pleno. Na súa resposta, Feijóo recriminou a Villares a súa "catadura moral" e espetoulle unhas duras palabras ao ex maxistrado: "A xustiza gañou moitísimo e no Parlamento estamos a perder bastante".
Escribe o teu comentario