Unha disposición dos PGE podería supor o despedimento de 4.500 interinos da Xunta
O CSIF advirte que o proxecto de lei dos PGE establece un límite de tres anos na contratación de persoal laboral temporal.
A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) alertou ante unha disposición adicional incluída no proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) que podería supoñer "o despedimento forzoso" de "4.500" interinos e empregados temporais da Adminstración Xeral da Xunta.
A través dun comunicado emitido este sábado, o sindicato denunciou que o proxecto de lei dos PGE "establece por primeira vez un límite temporal, de tres anos, na contratación de persoal laboral temporal e no nomeamento de funcionarios interinos na administración", que supoñería "o despedimento fulminante do traballador".
Así, sinalou que, a partir da entrada en vigor dos orzamentos --pendentes de ser aprobados no Congreso--, incluirase "unha cláusula no contrato de traballo ou no nomeamento como funcionario interino".
Segundo apunta o CSIF, a disposición podería afectará "a máis de 4.500" empregados públicos "só na Administración Xeral da Xunta", "aos que haberá que sumar os interinos e temporais dos sectores de Educación, Sanidade, Xustiza, etc".
"Esta norma busca blindar as distintas administracións fronte ás numerosas demandas de indefinición presentadas", sinalan, para logo lembrar as sentenzas xudiciais tanto a nivel español como europeo que "puxeron de relevo o abuso continuado da contratación temporal por parte das administracións públicas españolas, incluída a galega".
Deste xeito, cualificou a nova norma como "inxusta e innecesaria", á vez que insta as administracións a convocar prazas para corrixir "as intolerables taxas de interinidade".
Escribe o teu comentario