Detido en Pol tras agredir ao seu pai e fuxir campo a través "espido e ensanguentado"
Testemuñas relataron que os homes saíron dun coche cuxa fiestra estaba rota e tras a pelexa o mozo fuxiu e ocultouse nun colector.
Un mozo de 31 anos, ANT, veciño de Lugo, foi detido pola Garda Civil logo de protagonizar unha rocambolesca fuga "campo a través" tras agredir ao seu pai na nacional VI, á altura do Concello de Pol.
Fontes da investigación concretaron que os feitos sucederon sobre as 20,30 horas deste xoves, cando os axentes recibiron unha chamada alertando dun accidente na estrada N-640, no quilómetro 63,6.
Unha vez alí, varias testemuñas relataron que dous homes saíran dun coche, cuxa fiestra dereita estaba rota, e o máis novo empezara a golpear ao outro, que resultou ser o seu pai, un veciño de Lugo de 61 anos.
Tras ser increpado, o mozo iniciou unha fuxida "espido e ensanguentado" campo a través ao longo desa mesma estrada, indicaron os investigadores.
Os axentes localizaron ao agora detido a un quilómetro de distancia, onde tratou de "ocultarse nun colector". O presunto agresor foi detido e trasladado ao Hospital Lucus Augusti, onde permanece á espera de pasar a disposición xudicial. O pai tamén se atopa hospitalizado.
Escribe o teu comentario