Seis detidos nun operativo contra o tráfico de drogas en Lugo
A operación continúa "aberta", despois de senllos rexistros en locais de hostalería de A Milagrosa, que permanecen pechados e precintados.
Axentes da Policía Nacional detiveron seis persoas na cidade de Lugo nunha operación contra o tráfico de drogas que continúa aínda "aberta", segundo confirmaron fontes da investigación.
Este operativo, que leva o Xulgado de Instrución número un da cidade, iniciouse este xoves con rexistros en dous locais de hostalería do barrio da Milagrosa, que permanecen pechados e precintados.
Por mor destes rexistros incautouse droga, en concreto cocaína, aínda que de momento os investigadores non quixeron concretar a cantidade confiscada. Ademais, procedeuse ao rexistro de dous domicilios.
Os detidos pasarán a disposición xudicial cando se peche o operativo, que continúa aberto e non descarta novas intervencións.
Escribe o teu comentario