O BNG pide unha comisión de investigación sobre as adxudicacións ao grupo de Villar Mir
Queren facer un seguimento do intento de segregación das centrais de Ferroatlántica | Aluden a doazóns á Fundación Fraga e á adxudicación da xestión dos albergues do Camiño a OHL, entre outros.
O BNG formalizou no Parlamento a petición de creación dunha comisión de investigación co obxectivo de fiscalizar todas as adxudicacións, contratos, autorizacións, concesións e, en xeral, as relacións do grupo de Villar Mir co sector público galego.
En particular, a formación nacionalista destaca, a través dun comunicado de prensa, que quere impulsar "o seguimento, análise e investigación do intento de segregación e venda ilegal das centrais dos ríos Xallas e Grande" por parte de Ferroglobe.
A solicitude do Bloque, avanzada este mércores pola portavoz nacional, Ana Pontón, prodúcese tendo en conta que o propietario de Ferroatlántica está investigado na 'Operación Lezo', sobre unha trama de corrupción e supostO financiamento ilegal do PP, cobro de comisións e subornos.
Os nacionalistas inician agora contactos, segundo sinala a nota, para solicitar o apoio das demais forzas políticas para a creación desta comisión, cuxo debate "xa estaría asegurado, en todo caso, a través da presentación da proposición non de lei rexistrada".
Respecto diso, afirma confiar no apoio dos outros grupos da Cámara, "incluído o do PP, despois de que o propio presidente da Xunta declarase no Parlamento que o seu partido non ten nada que ocultar en relación á imputación de Villar Mir neste novo suposto caso de financiamento ilegal do PP".
PROPOSTA PARLAMENTARIA
Na proposta parlamentaria, o BNG alude á "xenerosa doazón do empresario investigado á Fundación Manuel Fraga, a adxudicación a dedo por 1,3 millóns de euros da xestión dos albergues do Camiño de Santiago á construtora OHL propiedade de Villar Mir, así como outras adxudicacións como a nova liña de atracada no porto vigués de Bouzas por 4,1 millóns de euros ou o contrato para mellorar o calado do porto de Punta Langosteira por importe de 785.000 euros".
Na súa iniciativa, advirte de "numerosos intereses" en Galicia do conglomerado de empresas presidido por Villar Mir, con especial mención ás que "teñen unha vinculación directa con decisións adoptadas desde o ámbito público directamente polo Goberno galego ou a través de órganos vinculados ao mesmo".
Para o Bloque, é "imprescindible" crear esa comisión, en aras da transparencia pública e o bo goberno, "máxime cando está en xogo o emprego industrial en toda a comarca da Costa da Morte e o interese xeral de Galicia".
Escribe o teu comentario