Unha liña de axudas para actualizar as prazas de abastos galegas

A Xunta destina 900.000 euros para que se incorporen conceptos como a venda en liña, o mentoring ou o 'visual merchandising' aos tradicionais establecementos. 


|

Autonomosplazadeabastos


Mentoring, visual merchandising ou venda online son conceptos que se poderían incorporar moi pronto ás tradicionais prazas de abastos galegas. A Xunta acaba de lanzar un plan de axudas dotado con 900.000 euros destinados a impulsar a competitividade e a calidade das prazas de abastos galegas a través da súa actualización e adecuación aos novos tempos e novos consumidores. 


A convocatoria de axudas que se publicará a próxima semana no DOG. A iniciativa pretende impulsar a excelencia dos mercados e a posta en marcha de novos servizos para os clientes, da que se poden beneficiar tanto os concellos como as asociacións e cooperativas de placeiros.


O prazo de presentación de solicitudes, tal e como indicou a Xunta nun comunicado, será dun mes para partir do día seguinte á publicación da convocatoria.


Por unha banda, os concellos poden obter axudas de ata 60.000 euros e un 70% do investimento, dependendo do estado do mercado, para a realización de melloras nas instalacións das prazas de abastos e a posta en marcha de novos servizos para os clientes.


PRAZAS DO SÉCULO XXI


Entre as actuacións apoiadas atópanse, ademais do acondicionamento do edificio, a posta en marcha de novos sistemas de comercialización en liña, e aspectos relacionados coa loxística e a presentación do produto.


Os municipios tamén poden solicitar axudas de ata 20.000 euros e o 50% do investimento para realizar para a adecuación dos espazos onde se celebran os mercados tradicionais e ambulantes, referentes na venda dos produtos locais e tradicionais de calidade.


Como novidade, este ano as asociacións e cooperativas de placeiros poderán solicitar tamén axudas para a adecuación das instalacións, e melloras no interiorismo e imaxe, a exposición do produto ou os sistemas de comercialización. Neste caso, as axudas poderán chegar ata os 40.000 euros e alcanzarán o 50% do investimento.


No caso das asociacións e cooperativas situadas en concellos polos que pasa o Camiño de Santiago poderán, un ano máis, solicitar os apoios para a creación de lotes de produtos con empaquetado específico no marco da iniciativa Mercados no Camiño, que busca así aproveitar as sinerxias entre turismo e comercio nas localidades polas que discorren as rutas xacobeas.


Estas actuacións apoiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria irán acompañadas da realización de iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os placeiros, co obxectivo de aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE