Os prezos da vivenda baixaron un 5,3% en Galicia no primeiro trimestre do ano
Sitúan nun valor unitario de 1.052 euros o metro cadrado, mentres que a nivel nacional os prezos soben e sitúan a mesma unidade en 1.287 euros.
Os prezos do mercado residencial en Galicia caeron un 5,3% no primeiro trimestre respecto ao ano anterior e situáronse nun valor unitario de 1.052 euros por metro cadrado, segundo o último informe realizado pola consultora Gesvalt.
A nivel nacional, os prezos do mercado residencial creceron un 2% no primeiro trimestre e situáronse nun valor unitario de 1.287 euros por metro cadrado.
En concreto, Gesvalt puxo de relevo que se unha vivenda duns 90 metros cadrados custaba uns 113.580 euros de media en 2016, este ano custaría uns 115.830 euros.
Á cabeza das comunidades máis caras situouse País Vasco (2.074 euros por metro cadrado). Por detrás, séguenlle Baleares (1.981 euros por metro cadrado), Madrid (1.878 euros por metro cadrado), Cataluña (1.321 euros por metro cadrado), Cantabria (1.374 euros por metro cadrado) e Canarias (1.174 euros por metro cadrado).
No lado oposto, entre as comunidades máis baratas atópanse Castela-A Mancha (777 euros por metro cadrado), Estremadura (911 euros por metro cadrado), A Rioxa (915 euros por metro cadrado), Murcia (935 euros por metro cadrado), Aragón (974 euros por metro cadrado) e Comunidade Valenciana (982 euros por metro cadrado).
O director corporativo de desenvolvemento e negocio en Gesvalt, Luís Martín Guirado, puxo de relevo que España está a atravesar un "ciclo de sustentabilidade e estabilización de prezos no sector inmobiliario", cunhas zonas que mostran uns signos "claros de recuperación" e noutras, como as urbanas" onde hai "menos demanda e seguen axustándose os prezos".
Escribe o teu comentario