Atopan en Meira os restos da anciá desaparecida en xaneiro
Á espera das probas de ADN, tanto un bolso achado coma o lugar onde apareceu apuntan a que se trata da octoxenaria.
Un home atopou a última hora da tarde do martes uns restos humanos nunha leira do municipio de Meira (Lugo) e todo apunta a que corresponden á octoxenaria desaparecida desde xaneiro na zona.
Así o informaron a Europa Press fontes próximas á investigación, que apuntaron que sobre as 19,30 horas do martes un gandeiro achou uns restos humanos nunha leira no lugar das Corbaceiras.
Por iso, foi avisada a Policía Xudicial da Garda Civil, así como o forense para proceder á retirada dos restos localizados, que estaban en avanzado estado de descomposición.
Á espera das probas de ADN para identificar o corpo, as mesmas fontes destacaron que "todo apunta" a que se trata da muller Oliva López Tello, de 85 anos, desaparecida desde mediados de xaneiro.
De feito, no lugar atopouse un bolso que achegados da desaparecida identificaron como seu. Os restos foron achados a uns oito quilómetros da casa na que residía a octoxenaria e a un quilómetro da vivenda na que nacera.
O 16 de xaneiro foi a última vez que se viu á octoxenaria Oliva López Tello, tras o que se activou un amplo dispositivo de procura na zona.
Escribe o teu comentario