Morre a ex ministra Carme Chacón por unha enfermidade cardíaca
Foi a primeira muller en ocupar a carteira de Defensa, aínda que xa fora ministra con Zapatero. Tiña 46 anos.
A ex ministra de Defensa Carme Chacón faleceu este domingo en Madrid no seu domicilio do barrio de Chamberí, segundo informaron a Europa Press fontes policiais. Unha persoa próxima á dirixente socialista alertou aos servizos de emerxencia sobre as 19.30 ante a imposibilidade de contactar con Chacón desde había horas.
Axentes da Policía Municipal e Bombeiros do Concello de Madrid acudiron ao lugar para proceder á apertura de porta do domicilio e facultativos do Summa-112 trasladados ata o lugar confirmaron o falecemento, que se producira horas antes. A ex ministra padecía do corazón desde había tempo.
Nada en Esplugues de Llobregat, Barcelona, en 1971, foi a primeira muller en España en ocupar a carteira de Defensa, á que chegou en 2008. Tamén con Rodríguez Zapatero de presidente do Goberno, foi ministra de Vivenda en 2007.
Casada e nai dun fillo, tamén desempeñou o cargo de vicepresidenta do Congreso. Dentro do PSOE, foi adversaria á Secretaría Xeral do partido de Alfredo Pérez Rubalcaba en 2012 e ocupou a Secretaría de Relacións Internacionais ata a súa dimisión en 2016.
ÚLTIMO ACTO PÚBLICO, A HOMENAXE A ALONSO
A ex ministra participou por última vez nun acto público o pasado 28 de marzo, precisamente no acto de homenaxe celebrado no Congreso dos Deputados en honra ao seu antecedor á fronte de Defensa, José Antonio Alonso, falecido o pasado 2 de febreiro despois dunha longa enfermidade.
CONDOLENCIAS
A Comisión Xestora do PSOE lamentou a morte da súa ex ministra e definiuna como unha figura moi importante do partido e "sempre na súa vangarda". Nun comunicado, o partido constata unha "profunda dor" polo repentino falecemento e enviou un abrazo á súa familia en nome de toda a militancia; en especial, ao seu fillo.
Os aspirantes á Secretaría Xeral do PSOE Pedro Sánchez e Patxi López anunciaron a suspensión dos actos previstos dentro das súas respectivas campañas ata o día 17 en sinal de dor polo falecemento.
A tamén presidenta da Junta de Andalucía anunciou que suspenderá todos os actos relativos á campaña para liderar o PSOE a nivel nacinal pero non así no caso dos relacionados co seu cargo institucional á fronte do Goberno andaluz.
LÍDERES POLÍTICOS
O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, varios ministros e os principais líderes dos partidos políticos con representación no Congreso trasladaron este domingo o seu pésame polo falecemento da ex ministra de Defensa Carme Chacón.
O xefe do Executivo expresou o seu máis sentido pésame á familia, amigos e compañeiros da ex ministra, á que definiu nunha mensaxe na súa conta persoal de Twitter como unha "gran política con sentido de Estado".
Tamén a titular de Defensa, María Dolores de Cospedal, ou o ministro de Interior, Juan Ignacio Zoido, trasladaron as súas condolencias por esta morte, así como outros dirixentes populares como Cristina Cifuentes.
"Impactado pola inesperada morte de Carme. Un día triste para a política española. Todo o agarimo á súa familia e compañeiros de PSOE", indicou o presidente de Ciudadanos, Albert Rivera.
Pola súa banda, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, lamentou o falecemento dunha muller "brillante e de gran capacidade política". "Púideno comprobar persoalmente. As miñas condolencias á súa xente. Sit tibi terra levis", indicou.
O coordinador federal de Izquierda Unida, Alberto Garzón, tamén se sumou ás mensaxes de pésame. "As miñas condolencias á familia e amigos de Carme Chacón, así como a toda a militancia do PSOE e PSC. Un abrazo", indicou.
Escribe o teu comentario