Cúmprense 14 anos do asasinato do cámara galego José Couso

A familia segue reclamando "investigación e xustiza para Couso" con manifestacións este fin de semana en Ferrol, a súa cidade natal, e Madrid. 


|

Josecouso


A Asociación de Irmáns, Amigos e Compañeiros do cámara José Couso reclamou ao Congreso dos Deputados a derrogación da reforma da xustiza universal tras as reformas promovidas polo PSOE en 2009 e polo PP en 2014.


Este sábado cumpriranse 14 anos daquela mañá de 2003 na que o cámara galego morreu asasinado no Hotel Palestina de Bagdad (Iraq), xunto a outros dous xornalistas, ao ser atacado polo Exército dos Estados Unidos.


A familia e amigos do cámara convocaron dúas concentracións esta fin de semana en Ferrol e Madrid para esixir "investigación e xustiza" para Couso. A primeira delas, este sábado en Ferrol, a súa cidade natal, terá lugar a partir das 11.00 horas na Praza da Paz José.


O domingo día 9 ao mediodía hai convocada tamén outra concentración fronte á Embaixada dos Estados Unidos en Madrid baixo o lema '14 anos con Couso, investigación e xustiza'. Nela participarán a nai do cámara, Maribel Permuy, a xornalista Patricia López e o tenente Gonzalo Segura.


XURISDICIÓN UNIVERSAL


Ambos os actos servirán para reclamar ao Congreso dos Deputados a aprobación dunha proposición de lei para recuperar a xurisdición universal a pesar de non contar co apoio dos 'populares'. A reforma da lexislación relativa á xustiza universal, aprobada pola maioría absoluta do PP en 2014, acabou coa posibilidade de perseguir xudicialmente desde España delitos internacionais como crimes de guerra cometidos contra españois fóra do noso país, como é o 'caso Couso', o que levou ao seu arquivo na Audiencia Nacional.


"A familia, amigos e compañeiros de José Couso subliñamos a necesidade de 'volver acender o flexo' para recuperar a investigación xudicial, á espera de que algún día chegue o recoñecemento e a xustiza. Porque cremos na memoria e na xustiza como elementos esenciais do civismo. Porque a Historia que se enterra e se esquece volve repetirse unha e outra vez. Porque hai horrores contemporáneos que non deberían ocorrer nunca máis", sinalou a Asociación de Irmáns, Amigos e Compañeiros do cámara nun comunicado.


Os achegados de José Couso Permuy, ademais, esperan unha resolución satisfactoria por parte do Tribunal Constitucional sobre o recurso de inconstitucionalidade contra a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial (LOPJ) por limitar a xurisdición universal ao considerar que o precepto vulnera a tutela xudicial efectiva, a independencia dos xuíces e os convenios internacionais regulados na propia Carta Magna.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE